Sanidade non se fai cargo da retirada de corpos do cemiterio de Muxa

Os veciños confían aínda nunha solución legal que permita manter os nichos, aínda que algúns barallaron empezar a mobilizarse

A Consellería de Sanidade descartou o xoves facerse cargo do traslado dos corpos enterrados nos nichos do cemiterio de Muxa declarados ilegais e sobre os que pesa unha orde xudicial de derriba.

A postura da Consellería de Sanidade dá tempo aos veciños, entre algúns dos cales empezou a render esa xornada o nerviosismo ao coñecer que o Concello ten xa listo o proxecto para tirar as sepulturas. Algúns dos afectados pola sentenza comezaron a barallar incluso a organización de mobilizacións.

No entanto, hai veciños afectados pola sentenza que seguen a confiar nunha solución legal que pase por frear a sentenza que estableceu a derriba. O seu obxectivo é sacar adiante un proxecto de legalización do cemiterio.

Sanidade di que o traslado dos corpos debe facelo unha empresa e que só lle compete autorizar o traslado

Para quen aspiran a esa solución legal, o desencontro entre Concello e Sanidade sobre a responsabilidade no traslado dos restos é unha vía para gañar tempo. Así, o Concello aprobou o mércores o proxecto de demolición, pero asegurou que non o executará mentres Sanidade non retire os corpos.

Mentres o Concello delegaba esa responsabilidade na Xunta, esta replicaba que non é competencia súa a exhumación dos cadáveres. Sanidade defendeu o xoves, en nota de prensa, que só lle corresponde dar os permisos para o traslado dos restos. As tarefas de exhumación e traslado dos corpos debe ser realizada por unha empresa autorizada, algo que xa se comunicou no seu día ao Concello, sinalou o departamento de Sanidade da Xunta.

Entre as familias afectadas pola sentenza rende a indignación. Ademais de ter que trasladar aos seus defuntos, algo sempre moi delicado, terán que asumir os custos da derriba.

O proxecto aprobado polo Concello supón un gasto de 123.000 euros e o organismo local fará os traballos baixo o sistema de execución subsidiaria, o que supón que pasará ao cobro das familias o diñeiro que se invista en tirar as sepulturas.

A ampliación ilegal do cemiterio ten xa décadas e a sentenza do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia que ordena a súa derriba é consecuencia da denuncia presentada por un veciño, pedáneo da parroquia.