"A sanidade debe abordar con máis rigor o suicidio e facer labores preventivas"

A morte por esta causa de dous lucenses de 18 e 24 anos xera conmoción, aínda que se dan máis casos entre mozos e anciáns"
Jorge Luis Begazo. V. RODRÍGUEZ
photo_camera Jorge Luis Begazo. V. RODRÍGUEZ

O recente suicidio de dous mozos da provincia, de 18 e 24 anos, pon en evidencia un problema que castiga con dureza á sociedade lucense. "A taxa de suicidios é moi alta en España, pero en Galicia supera ao resto das comunidades autónomas e, en particular, Lugo mantén un dos índices anuais máis elevados de mortes autoinfligidas", asegura o psiquiatra Jorge Luís Begazo, da clínica Ribeira Polusa.

Aínda que hai estudos estatísticos que apuntan que a primavera é unha época na que aumentan as tentativas suicidas, o realmente preocupante para este especialista é o impacto social desta secuela e a necesidade de abordala "con máis rigor" por parte da sanidade pública. "Existe unha prudencia excesiva, un temor de falar destes actos autolíticos, coma se polo feito de informar diso puidese provocar un efecto chamada", explica Begazo. Isto fai que non se fale destas cuestións, nin se conciencie á sociedade da magnitude do problema. Deste xeito, tampouco se induce ás persoas que sofren esta tendencia a pedir axuda.

Lugo é a segunda área sanitaria galega en contar cunha unidade específica de atención por risco grave de suicidio, unha cuestión que ou só débese abordar no ámbito hospitalario ou a través dos centros de saúde e os médicos de familia. Jorge Luis Begazo recorda que se trata da causa de morte non natural máis importante e avoga por loitar contra a súa invisibilización e desenvolver estratexias que incidan na prevención, con políticas de sensiblización e que faciliten o acceso ás consultas de saúde mental, "que é un tema que debe estar presente en colexios, institutos e centros educativos. O número de falecementos por suicidio supera con fartura aos provocados polos accidentes de tráfico, pero ninguén cuestiona as campañas da DXT", asevera.

A necesidade de recorrer á axuda terapéutica en caso de malestar psíquico entra dentro da lóxica, pero tamén o é, en ocasións, a reticencia da xente a acudir ante un psiquiatra, de modo que os enfermos aguantan as súas angustias en silencio sen acudir á consulta dun especialista.

Begazo entende que é imprescindible que o Goberno destine recursos para "chegar á poboación e contribuír a que se poida efectuar cribado previo que permita a detección temperá de pacientes que poidan ter tendencias suicidas". Así se evitarían mortes e que as rabexadas da pandemia continúen incrementado as estatísticas.

SECTORES VULNERABLES. Este psiquiatra fincado en Lugo apunta que os suicidios teñen especial incidencia "nos extremos da pirámide poboacional", pero considera alarmante o aumento de casos entre a xente nova, "un sector afectado pola situación sociosanitaria. A pandemia supuxo unha ruptura na evolución da infancia e a mocidade, que tamén se ve afectada as esixencias sociais".

O problema é máis serio "se afecta a persoas que teñen toda a vida por diante. Un adolescente ou un mozo son máis vulnerables, non teñen os recursos e as capacidades dun adulto para abordar unha situación deste tipo", aclara Jorge Luis Begazo.

Na maioría das mortes autoinfligidas existe unha patoloxía psiquiátrica, pero se trata dun acontecemento con múltiples causas e algunhas poden ser de índole social. Os motivos do malestar psíquico que levan a unha persoa a quitarse a vida "son moi variados. Teñen que ver coa pel de cada un. Hai que facer unha valoración individual de cada paciente", afirma este profesional da clínica Ribeira Polusa.

Comentarios