Sancionados dous usuarios de patinetes eléctricos en Lugo por "crear situacións de risco"

Foron multados con 200 euros
Patinete eléctrico. ARCHIVO
photo_camera Patinete eléctrico. ARQUIVO

Axentes da Policía Local de Lugo realizaron diversos filtros de seguridade viaria o pasado xoves e sancionaron a dúas persoas que circulaban en dous patinetes eléctricos por condución neglixente, xa que crearon "diversas situacións de resto" para o resto dos usuarios da vía. Ambos foron multados con 200 euros.

Os efectivos da Unidade Territorial de Policía de Barrio tamén detectaron sobre as seis da tarde, en Rúa das Fontes, ao condutor dun vehículo que conducía a pesar de perder todos os puntos do permiso de conducir, polo que se lle instruíron dilixencias por delito contra a seguridade viaria na modalidade de xuízo rápido. O condutor enfróntase a unha pena de prisión de tres a seis meses, multa de doce a vinte e catro meses ou traballos en beneficio da comunidade de trinta e un a noventa días.

Así mesmo, os axentes tamén detectaron dous vehículos que circulaban carecendo do seguro obrigatorio e outros dous que non pasaran a ITV no prazo regulamentario. Tal e como recorda a Policía Local, conducir sen seguro implica unha multa de 1.500 euros e a retirada do vehículo polo guindastre municipal. No caso de non ter a ITV actualizada, o titular do vehículo afronta unha multa de 200 euros.