Rutas do medo que evitan as mulleres lucenses

Algúns puntos de Camiño Real, A Milagrosa, A Piringalla, Casas Baratas e Abella resultan inquietantes de noite para as lucenses. Locais conflitivos, pouca iluminación, vexetación ou rúas estreitas non invitan a pasear por estas zonas
Camiño Real. XESÚS PONTE
photo_camera Camiño Real. XESÚS PONTE

Camiño Real, A Milagrosa, A Piringalla, Casas Baratas e Abella son as zonas nas que as mulleres de Lugo se senten máis inseguras ao transitalas pola noite. Aínda que estas non son as únicas da cidade. As lucenses tamén se senten incómodas ao camiñar por espazos do centro da cidade e arredores, como a estación de autobuses e a súa contorna ou o parque Rosalía de Castro.

No ranking das rutas do medo, a rúa que máis temen as lucenses é agora mesmo Camiño Real, unha das máis conflitivas de toda a cidade. Paula Abuín, dependenta dunha tenda do centro, comenta que a súa nai traballaba nesa zona e sentíaa perigosa. "A miña nai sempre dicía que Camiño Real era unha zona chea de vida e de comercios, pero coa chegada de certo tipo de pubs e bares deprimiuse moito e botouse a perder. Cada vez pechan máis locais", asegura.

O lecer nocturno e a actividade dalgunhas rúas a certas horas é unha das características que máis teñen en conta as enquisadas. Un exemplo diso é a zona de Casas Baratas. Ana Veiga traballa nunha perruquería do barrio e afirma que "algúns locais de por aquí, como os da rúa Tui ou Poeta Ramón Cabanillas, fan desta zona un sitio moi desagradable. Pero tanto de noite como de día, porque a xente que os frecuenta vai facendo unha ruta polos locais de por aquí e se cadra saen ás doce da mañá", di, mentres todas as clientas da perruquería asenten corroborando a versión de Veiga.

As lucenses (sobre todo as máis novas) ás que lles gusta gozar do lecer nocturno do centro da cidade resúltalles incómodo desprazarse a certas horas por rúas como A Tinería e Rúa Nova. Alba Gómez asegura que "cando sales de festa por esas zonas hai moita xente prexudicada na rúa, que adoitan ser máis homes que mulleres, e ás veces pódente facer sentir incómoda".

Carril dous Fornos. XESÚS PoncheZONAS SOLITARIAS. Aínda que algunhas rúas do centro poidan estar cheas de actividade de noite, noutras sempre reina o silencio. Existen zonas intimidantes, como os canellóns e atallos, que debido á súa estreiteza, a baixa luminosidade e a dificultade en caso de necesitar escapar nunha situación de perigo fan destas cales lugares polos que non é recomendable pasar. Algúns exemplos son o adarve da muralla, o Carril dos Fornos (na foto), a Canella da Deputación ou o Carril das Estantigas.

Xa fóra da muralla, tamén existen partes da cidade que impoñen respecto debido á nula actividade cando cae o sol. O parque Rosalía é un bo exemplo diso. Tamén o Barrio Feixoo, no que o silencio e as rúas cheas de casas desocupadas xeran inseguridade ás viandantes.

Existen outras zonas nas que a quietude se mestura coa vexetación. Un exemplo son os paseos fluviais, polos que Marta Álvarez se resiste a saír a camiñar cando xa non hai luz. "No inverno, como se fai de noite antes, pola tarde xa non podo saír a camiñar", asegura.

O leirapárking do Hula é outra das zonas máis intimidantes da cidade. As traballadoras do hospital que saen tarde dos seus postos laborais e que deixan o seu vehículo na parte posterior do aparcadoiro mostran as súas queixas. "Nin sequera podemos ver o coche porque non hai iluminación. Iso implica que tampouco podo ver as fochas do chan ou se hai alguén escondido aí", indica Mila Leal, empregada do restaurante do hospital.

A Milagrosa. XESÚS PONTEXENTE. Hai outras partes da cidade que ás enquisadas non só lles preocupan pola quietude, senón polos grupos conflitivos que frecuentan barrios como A Milagrosa (na foto), A Piringalla e Abella.

Unha situación similar vívese na estación de autobuses e nos arredores. Unha traballadora da estación asegura que, "sobre todo no inverno, certa xente non recomendable que está nun parque próximo achégase á estación e quedan por aquí", indica.

Lugo, unha das cidades máis seguras de España
A cidade de Lugo pódese dicir que é tranquila. De feito, a taxa de criminalidade non é demasiado alta e, a pesar da falta de efectivos policiais que denuncian os sindicatos das forzas da orde, o certo é que ano tras ano a capital lucense sempre se coloca entre os postos máis altos nos rankings das cidades españolas máis seguras.

Denuncias 
O ano pasado, Lugo rexistrou seis delitos contra a liberdade sexual, dos cales un foi unha violación. Este ano tamén se rexistraron seis denuncias, aínda que ningunha referida a unha agresión sexual con penetración.

Ranking galego 
Das sete principais cidades galegas, Lugo é a terceira con menos incidencia da delincuencia sexual denunciada en 2019, por detrás de Pontevedra e Ferrol. Ademais, das 15 cidades españolas entre os 114.000 e os 90.000 habitantes, Lugo foi a cuarta que menos delitos sexuais rexistrou en 2019, por detrás de Cáceres, Orihuela e San Fernando.

Comentarios