Rubén Arroxo denuncia ameazas de morte e valora tomar medidas legais

"Son capaz de cortarlle o pescozo a ese fillo de puta do Bloque", proferiu un usuario
Rubén Arroxo. AEP
photo_camera Rubén Arroxo. AEP

O tenente de alcalde de Lugo e portavoz do BNG, Rubén Arroxo, informou de que está a valorar "tomar medidas legais" polas ameazas de morte que recibiu a través das redes sociais.

A través do seu perfil de Facebook, o tenente de alcalde subliñou as ameazas vertidas por un usuario das redes sociais nos comentarios do perfil "dun cargo público".

Ese usuario afirma que sería "capaz de cortarlle o pescozo a ese fillo de puta do Bloque". "Non sabe o que lle espera", engade, "había que linchalo".

"Alimentar o odio sempre é perigoso. A nosa historia móstranos que moita xente foi agredida ou incluso asasinada por isto. Estas barbaridades non son a primeira nin a segunda vez que me chegan", lamentou Rubén Arroxo.

Tamén subliñou que "todas as persoas que as escriben teñen algo en común. Por certo, esta segue agora mesmo escrita no taboleiro -muro- dun cargo público".

Aínda que non facilitou o nome do perfil ao que se agregaron eses comentarios, anunciou a súa intención de valorar "as medias legais precisas". "A esta xente hai parala", concluíu.