Ron Carter encabeza o Festival de Jazz, con 17 concertos en oito días

O certame contará co contrabaixo de Miles Davis, cando "cambiou o concepto musical". Os promotores salientaron a achega feminina de Andrea Motis e Karrin Allyson. Un programa paralelo presentará master class, un obradoiro, cine e jam session
Ron Carter. EP
photo_camera Ron Carter. EP

Os promotores do Festival de Jazz de Lugo, José Luis Díaz e Alberto Grandío, adoitan ornamentar de adxetivos cualificativos e de adverbios de modo a presentación dos artistas que tocarán no certame. Non precisan esaxerar.

Onte deron a coñecer os 17 concertos que soarán entre o 9 e o 16 de novembro. Destacaron o contrabaxista Ron Carter, apuntando alto: "É como escoitar a Falla ou a Chopin". O fundamento desa afirmación baséase en que "entre 1964 e 1969 participaba no quinteto de Miles Davis que cambiaba o concepto musical". Davis acudiu en 1987 a unha homenaxe a Ray Charles na Casa Branca. Nancy Reagan viu aparecer un home desmellorado e fraco vestindo un esmoquin cunha serpe vermella no lombo. A muller do presidente preguntoulle sorrindo quen era. "Son Miles Davis e cambiei a historia da música catro ou cinco veces. Vostede que mérito ten aparte de tirarse o presidente?".

Carter estará o día 14 de novembro no Círculo, onde tamén tocará Andrea Motis "noviña e referencia mundial", o día 9. Por ese escenario pasarán tamén Baldo Martínez, que encabeza Grand Ensemble, unha banda galega que celebra os 20 anos de 'Projecto Miño', unha proposta de revista en clave de jazz de cancións tradicionais de Galicia e Portugal, que se estreara en Guimaraes.

No mesmo escenario actuarán Arielle Besson (día 11), "elixida mellor músico francés dúas veces"; Karrin Allyson, (día 12), "unha pianista e cantante excepcional", e a "mítica" Dirty Dozen Brass Band (día 13). O día 15 haberá "unha conexión nórdico-hebrea", que José Luis Díaz sitúa entre "o mellor do festival". Naugthy Professor será o peche do programa nese lugar o día 16.

Nesta edición o festival profunda nas mulleres no jazz, "especialmente como instrumentistas porque son máis respectadas"

O club Clavicémbalo acollerá o día 13 "a mestura de flamenco e jazz" de Marcos Teira e Xacobe Martínez Antelo Trío (día 15), que coincidirá con Daniel Juárez Quintet "antes de marchar de xira a China". Outros concertos son os de Dr. Maha's Miracle Tonic (día 9), Valentín Caamaño Blind Westler Quartet (día 11), Pere Navarro Quintet (día 12), Luis Verde Quartet (día 14),e Wealman Paris Monster (día 16).

Carola Ortiz Quartet tocará na Casa do Saber o día 11 dentro dun festival que profunda nas mulleres no jazz, "especialmente como instrumentistas porque son máis respectadas", incidiu Grandío. O organizador sinalou tamén que haberá unha sesión vermú como arrinque dun empeño por "levar o festival a todos os públicos e a outros lugares da cidade" que terá a culminación no 30º aniversario, a celebrar o ano que vén. Será defendida por Fastspoon o día 16 no Ho! Gruf.

Tamén haberá cine os días 13 ('Mo'better blues') e o 14 ('Alrededor de la medianoche'). Señor Blas ofrecerá unha jazz session sobre grandes concertos da historia. Mónica de Nut dará un obradoiro de improvisación local na sede de Asmuc o día16. Haberá unha master class con Josh Dion e Greoff Kraly, que completa o programa o día 16 no Club Clavicémbalo.

Comentarios