Rodríguez Ledo doa parte do seu premio a San Vicente de Paúl

Tamén cede outros 3.000 euros ao laboratorio de nanoproteómica do Hula
undefined
photo_camera Instalacións de San Vicente de Paúl. AEP

A subdirectora médica da área sanitaria de Lugo, Pilar Rodríguez Ledo, galardoada este ano co premio Nóvoa Santos que concede a Asociación de Médicos Galegos (Asomega), doará parte deste ao centro de atención a persoas con discapacidade San Vicente de Paúl e ao laboratorio de nanoproteómica do Hula.

O recoñecemento consta dunha parte económica que a persoa premiada debe repartir entre un proxecto social, de humanización, e outro de investigación do seu interese, que recibirán cada un 3.000 euros.

Rodríguez Ledo explicou que, como médica de Familia, traballou no centro de saúde de Fingoi e dentro da súa cota tiña a usuarios do centro. Cando deixou a actividade clínica para exercer labores de xestión sanitaria seguiu colaborando e visitando o centro, xa como voluntaria. "Fan un labor fantástica", asegurou e explicou que por esa razón seleccionou este proxecto.

Os fondos destinados ao laboratorio de Nanoproteómica do Hula designaranse para o proxecto de crear unha ferramenta que permita diagnosticar e clasificar o cancro de mama precozmente

Por outra banda, elixiu o laboratorio de Nanoproteómica do Hula, que coordina Cristina Núñez, de forma que eses fondos poidan destinarse ao proxecto de crear unha ferramenta que permita diagnosticar e clasificar o cancro de mama precozmente. Ademais de aplicar a biopsia líquida a ese tipo de tumores, o centro investiga tamén o seu uso no cancro de vexiga.

O laboratorio púxose en marcha no Hula a finais de 2016 grazas a un contrato Miguel Servet do Instituto Carlos III á doutora en Química, investigadora e docente no departamento de Química Inorgánica da USC Cristina Núñez González.

Este ano conseguiu unha prolongación ata o 2026 e a Xunta seleccionou a este centro dentro do seu programa de proxectos de excelencia, cunha dotación de 40.000 euros.

Rodríguez Ledo, subdirectora médica da área, recibirá o premio de Asomega o próximo día 3 de setembro nun acto que terá lugar no paraninfo da Universidade de Santiago.

Comentarios