Rodríguez di que Lugo é a segunda provincia con máis investimento estatal

A subdelegada do Goberno destaca que o tren lucense recibirá o próximo ano 252 millóns
Isabel Rodríguez. EP
photo_camera Isabel Rodríguez. EP

A subdelegada do Goberno, Isabel Rodríguez, destaca que Lugo, cunha subida do 169,8 por cento e 298,12 millóns de euros, é a segunda provincia con máis investimento previsto nos Orzamentos do Estado para 2022. Isabel Rodríguez remarca que Lugo se sitúa tamén na posición número dous no ranking xeral por provincia no gasto total previsto polo Ministerio de Transportes por persoa, cunha cantidade de 914,90 euros por residente.

A subdelegada insiste en que o Goberno ratifica o seu compromiso coa modernización do ferrocarril dado que Lugo é a primeira provincia en investimento real por persoa neste sector cunha cantidade de 776,11 euros por residente. Segundo Isabel Rodríguez, estes orzamentos dedican 252,90 millóns de euros a investimento real no sector ferroviario na provincia, un 232,1 por cento ou 187,61 millóns de euros máis que no presente exercicio económico, con 76,16 millóns.

Os investimentos de Adif inclúen unha partida de 15,81 millóns de euros para melloras na Rede de Ancho Métrico Ferrol-Vegadeo. Outros 5 millóns destinaranse á estación intermodal de Lugo e 2,81 millóns serán para a renovación Monforte-Covas.

ASIGNACIÓNS. Por outra banda, o investimento nas estradas do Estado en Lugo prevista para 2022 nos orzamentos é de 37 millóns de euros. Esta cifra supón un incremento do 44,1 por cento con respecto ao presente ano. Para a creación de novas infraestruturas, destínanse 21,5 millóns e outros 10,3 irán para conservar e explotar as xa existentes.

No capítulo de obras, destaca a consignación de 21 millóns para laas obras da autovía a Santiago entre Palas e Melide.

O Ministerio de Transportes contempla, ademais, un investimento de 1,93 millóns de euros para distintas intervencións de interese cultural no Camiño Francés en Paradela, Pedrafita, Portomarín e Triacastela.

Os orzamentos destinan, por outra banda, 550.000 euros ao Concello de Monforte para obras de mellora de instalacións deportivas municipais e 100.000 euros da Confederación Hidrográfica Miño-Sil para a modernización do regadío de Val de Lemos.

A subdelegada do Goberno recorda, que o investimento social dos orzamentos redundará na revalorización das pensións para 114.914 lucenses, así como no aumento de bolsas a estudantes e os novos bonos de aluguer de 250 euros ao mes para mozos ou o cultural.

Comentarios