A riqueza cultural lucense en fotografías

O Museo acolle unha exposición de imaxes de persoas de diversas nacionalidades que viven en Lugo no marco do proxecto 113+
Niños pintan bolas del mundo en los jardines del Museo Provincial en un taller del proyecto 113+. SEBAS SENANDE
photo_camera Nenos pintan bólas do mundo nos xardíns do Museo Provincial nun taller do proxecto 113+. SEBAS SENANDE

A Rede Museística continúa coa súa liña de museología social e celebrou durante a xornada de onte un taller para nenos e nenas enmarcado no proxecto 113+, unha iniciativa artística do programa Culturas en Diálogo que ten como obxectivo visibilizar a diversidade de nacionalidades que conviven no Concello de Lugo a través de debates, exposición de fotografías e outras actividades lúdicas.

Así, o proxecto nace do traballo en equipo da Rede Museística Provincial, a Asociación Rioplatenses de Lugo e a fotógrafa cubana Evelin Ruiz, que investigaron e documentáronse sobre o padrón de habitantes de Lugo de finais do 2018 e decatáronse de que na provincia convivían 113 nacionalidades empadroadas, por iso é polo que reciba o nome 113+.

Con estes datos, o grupo púxose ao choio e comezou a traballar e puír antes do estado de alarma as ideas que fixesen posible a visibilización da diversidade cultural lucense e a creación dun diálogo social que destaque os valores positivos da migración. No entanto, o proxecto tivo que ser paralizado pola crise sanitaria, e ata o período de desescalada non se retomou esa actividade que iniciaría a fotógrafa Evelin Ruiz cos seus retratos.

"Durante este tempo, realicei cincuenta e cinco sesións na miña casa, con todas as medidas necesarias", comenta Ruiz, "pero non se tratan de simples retratos. Pedinlle a todos os participantes que trouxesen un obxecto co que sentisen identificados, que representasen a súa orixe para crear despois un retrato fusionada", engade Evelin.

Desta forma, a fotógrafa encárgase de todo o proceso de produción: fotografar ás persoas e os seus obxectos, editar as imaxes e facer un vídeo final das fotos que será divulgado por todas as canles dos que dispón o grupo de traballo para que chegue ao máximo número de persoas e concienciarlles da riqueza cultural que teñen ante os seus ollos.

OUTRAS ACTIVIDADES. Para acompañar a exposición de fotografía de Evelin Ruiz, a Rede Museística organizou durante esta semana debates e talleres, baixo o nome Migración, Covid e Museos, que se centran no impacto que ten o virus sobre as comunidades inmigrantes e a función dos museos: escoitalas e darlles voz.

Na xornada de onte celebrouse un taller para nenos onde pintaron unha bóla do mundo para ver esa diversidade. "Trátase de que os pequenos vexan a inmigración como riqueza", sostén a encargada do proxecto, Encarna Lago.

A maiores, déronlles aos participantes un caderno pequeno para apuntar aquelas historias que fosen contadas polos seus familiares ou coñecidos, na fala da xente, co fin de que non perdan "a memoria do vivido", conclúe Lago.

Comentarios