Rexistrado un pequeno incendio na cociña dun hotel da N-VI en Lugo

O lume, orixinado nunha frixidora, foi extinguido polos traballadores do local, situado na N-VI, á altura do punto quilométrico 467. Ningún dos hóspedes resultou ferido

Un hotel de Lugo rexistrou este mércores pola tarde un pequeno incendio, que afectou á cociña do establecemento, situado na estrada N-VI, á altura do punto quilométrico 467.

O lume, orixinado nunha frixidora, foi extinguido polos propios traballadores do lugar, aínda que foron alertados igualmente os Bombeiros da capital lucense. Ningún dos hóspedes resultou ferido nin foi necesario desaloxar o hotel.

O CAE 112 Galicia, tras recibir a chamada de alerta ás 13.30 horas, tamén informou as forzas da orde e a Protección Civil de Lugo.

CALDINADA UNHA VIVENDA EN RIÓS. Por outra banda, os Bombeiros de Verín extinguiron tamén este mércores pola tarde un lume que calcinou por completo unha vivenda habitada no lugar de Castrelo de Abaixo, no concello ourensán de Riós.

Por fortuna, non houbo que lamentar danos persoais, posto que a única persoa que vivía no inmoble se atopaba fóra do mesmo. Os efectivos de emerxencias barallan a posibilidade de que as chamas se orixinasen nunha estufa e se estendesen ao resto da vivenda, de madeira.

O CAE 112 Galicia recibiu a alerta dun particular que informaba do incendio e da proximidade doutras vivendas lindeiras, que, en todo caso, non se viron afectadas.

Así, púxose en coñecemento dos membros do parque comarcal de Verín, GES da Gudiña, Protección Civil de Riós e Garda Civil. O 112 Galicia rexistrou o suceso pasados uns minutos das 13.30 horas.

Comentarios