O rexeitamento á violencia contra a muller percorre as institucións

A USC, a Uned e a fundación TIC celebran diversos actos para manifestar a repulsa cara á violencia de xénero

Con motivo do Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra a Muller, que se celebra o domingo, ao longo desta semana sucédense os actos reivindicativos por toda a cidade. A Universidade de Santiago de Compostela foi unha das institucións que organizou este xoves unha actividade deste signo, en cuxo transcurso se entregaron os premios do V Concurso de Lemas contra a Violencia de Xénero convocado por esta institución. O xurado acordou distinguir cinco - dúas delas no campus de Lugo-, das máis de 130 propostas rexistradas. As lemas lucenses que recibiron premio son Cando volvo á casa prefiro ir soa que mal acompañada, de Antía Vázquez Rodríguez, e Ninguén o fai sen querer, quérete e pide axuda, de Tamara González Luaces. As dúas recibirán un diploma e cen euros en metálico.

No transcurso do acto, a vicerreitora de Coordinación, Montserrat Valcárcel, leu o Manifesto da Rede de Unidades de Igualdade de Xénero das Universidades Españolas para a Excelencia Universitaria, no que se sinala que un dos obxectivos prioritarios das institucións académicas é a de colaborar na erradicación de accións e comportamentos asentados sobre as desigualdades entre homes e mulleres.

A representación dunha performance baseada no monólogo A violación, da dramaturga italiana Franca Rame, a cargo de participantes no taller de arte dramático impartido pola responsable da aula de Teatro da USC no campus de Lugo, Pomba Lugilde, serviu de colofón do acto, ao que asistiron tamén as vogais do Consello Social da USC Blanca de Cora e Paula Alvarellos, ademais de autoridades locais e membros do campus.

Tamén na outra sede universitaria da cidade, na Uned, tivo lugar o xoves a lectura dun manifesto contra a violencia de xénero. Neste caso, participou, entre outros asistentes, a presidenta da asociación Si, hai saída, Marta Rodríguez, galardoada co premio Meninas.

A fundación TIC tamén se significará en contra da violencia de xénero. Segundo se deu a coñecer o xoves nunha convocatoria na que participaron o presidente da Deputación, Darío Campos, e a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez, entre outros, o alumnado de primeiro curso de Produción da Escola de Imaxe e Son organizou para este venres a terceira marcha En Camiño contra as Violencias, á que invitan a toda a cidadanía. Partirá ás 11.00 horas da escola, onde se lles entregarán paraugas negros co logotipo da campaña, á vez que se proxectará un vídeo elaborado polos estudantes. A marcha terminará na Praza de San Marcos e no camiño haberá diversas actuacións de sensibilización e denuncia.

Por outra banda, a Subdelegación do Goberno loce un lazo morado sobre a súa fachada e da sede da Xunta de Galicia colga unha pancarta co texto: "Fronte á violencia de xénero só cabe unha resposta. Sen ningún xénero de dúbida. NON".

Comentarios