O Concello revisará todos os tilos de Ramón Ferreiro tras o esborralle dun deles

O Concello asegura que se trata de algo "puntual" pero que, "por precaución", analizarase o estado de todos os tilos
giphy (1)
photo_camera giphy (1)

O concelleiro de medio ambiente de Lugo, Álvaro Santos, deu a orde aos servizos técnicos municipais do seu departamento para que realicen un "informe pormenorizado" sobre a situación de todas as árbores plantadas no paseo central da Avenida de Ramón Ferreiro, onde este xoves un tilo de grandes dimensións veu abaixo sobre dous coches estacionados.

O goberno local de Lugo informou de que "todo apunta" a que o ocorrido non é máis que "un suceso puntual", producido polo episodio de climatoloxía "adversa", pero aínda así, "por precaución", revisarase o estado de todos os tilos plantados no paseo central de Ramón Ferreiro.

Santos recordou que, por parte da Xunta de Galicia, non fora decretada ningunha alerta meteorolóxica na cidade, "requisito imprescindible para que o Concello poida pechar as zonas verdes municipais".

Afortunadamente, este suceso saldouse só con danos materiais provocados pola caída da árbore en dous vehículos que estaban estacionados ante o Gran Hotel da cidade.

A circulación estivo interrompida en dirección ao centro da cidade durante aproximadamente unha hora.

Comentarios