Sentir e facer sentir. Iso é o que sempre pretendeu Rosana Roca Núñez, unha muller diagnosticada de cancro de mama hai ano e medio, cando se lle ocorreu a idea de pousar como modelo para a fotógrafa vilalbesa Inma Purriños e así retratar, a través da súa mirada, a montaña rusa de emocións que se viven durante o tratamento da enfermidade.
Rabia, rexeitamento, aceptación, loita, optimismo e esperanza entrecrúzanse no longo camiño que vai desde o diagnóstico ata o final do tratamento contra o cancro e isto mesmo foi o que experimentou, nos últimos meses, Rosana, unha muller á que se lle detectaron catro tumores de mama á vez –un deles, agresivo– e á que hai un mes, cando xa estaba a tratamento para reconstruír o peito extirpado, descubríuselle outro tumor máis na mama sá.
"É un pau porque se volverá a repetir, outra vez, todo o proceso: a mastectomía e logo quimioterapia. ¡Outro ano e pico de tratamento! Pero haberá que loitar outra vez. Os meus fillos dinme: "Se antes puideches, agora vas poder vencer isto outra vez" e nesas estou. A pesar de todo, tamén podes ser feliz e pasarcho ben. O que importa é estar aquí", apunta Rosana Roca.
Esta muller deuse conta, unha vez diagnosticada, de que a palabra cancro moitos tabús de face á sociedade. Por iso mesmo, propúxose quitarlle a careta e mostrar o seu corpo tal cal é tras a mastectomía, para dar visibilidade a unha enfermidade sobre a que aínda existe moito medo.
"Decidino en pleno proceso do tratamento. Pensei que, mostrando o meu caso a través dos distintos retratos que me fixo Inma, podería axudar a outras mulleres dando visibilidade a esta enfermidade, normalizándoa porque cando che ve a xente pola rúa co pano na cabeza aínda se che queda mirando", explica Rosana.
Asumir o diagnóstico foi a parte máis dura de todo o proceso para esta muller. Logo disto, os meses seguintes resúmense como unha constante loita contra a enfermidade.
"Afasche a vivir con isto aínda que sexa algo duro desde o minuto cero. Cando mo dixeron, paseime quince días de rabecha pero, ao mesmo tempo, creei un escudo para protexer aos meus fillos –entón, de 3 e 7 anos– e ao resto do
Exposición
As dezaoito sesións fotográficas de estudo ás que se someteu supuxeron, desde o principio, unha liberación para Rosana. "Foi unha liberación total para min porque supuxo eliminar moitos tabús. Durante este tempo, fun sempre por aí protexida co meu pano na cabeza, a miña prótese... pero me dei conta de que, aínda así, podo ser guapa igual e iso é o que importa, darse conta de que todos os días que vivimos son un agasallo", conta.
Os dezaoito retratos que mostran as distintas emocións vividas por Rosana Roca durante a súa enfermidade forman parte xa dunha exposición inaugurada onte no Hula, onde permanecerá ata o venres. A mostra –apoiada tamén pola asociación Somos Unidos polo Cancro–viaxará, probablemente, a próxima semana, desde o día 24 ata o 29, a O Vello Cárcere.
"A intención deste traballo foi expresar, mediante as imaxes, os distintos sentimentos e emocións que se poden ter nun tratamento contra o cancro de mama. Polo tanto, hai retratos en horas positivas e outros de momentos de bajón, rexeitamento ou rabia. Foi un tema moi difícil, a nivel fotográfico, pero houbo moita conexión entre nós dúas e iso axudou moito", afirma a fotógrafa Inma Purriños.
Contra todo prognóstico, o traballo aínda non terminou. O novo diagnóstico obriga a facer unha segunda parte para retratar as emocións deste novo tratamento. é un volver empezar que se resume cunha palabra clásica no cine: "Continuará".