O reto de saciar a sede sen pagar

As fontes do parque Rosalía de Castro están avariadas e as da Praza Maior fallan con frecuencia 
undefined
photo_camera Fonte no parque Rosalía de Castro. SABELA FREIRE

O Concello apagou as fontes ornamentais da cidade hai uns días para aforrar auga e enerxía, pero algunhas das destinadas ao consumo humano tamén están inactivas, para contrariedade de lucenses e de turistas que neste verán de altas temperaturas queren refrescarse sen necesidade de gastar diñeiro en comprar auga.

As fontes do parque Rosalía de Castro levan días sen funcionar debido a unha avaría no circuíto eléctrico, segundo confirmou o concelleiro de medio ambiente, Miguel Fernández.

A supervisión dos chafarices corre a cargo do servizo municipal de Augas, e máis aló de incidencias puntuais —case sempre nos pulsadores—, non adoitan ter problemas de funcionamento, asegura Fernández. Con todo, non é infrecuente que os cidadáns alerten de fallos. Unha das fontes da zona de Sanfiz estivo goteando auga durante varios meses, segundo sinalan os veciños.

Na Praza Maior, as fontes tamén adoitan fallar con frecuencia. Case sempre o motivo é o mal uso que se fai delas. A pesar de que o persoal do servizo de limpeza adoita limpalas, resulta habitual que estes chafarices estean cheos de area, xa que son un elemento habitual de entretemento para algúns nenos que xogan nesta zona.

Polas súas características resulta máis seguro e é máis utilizado a billa situada en Campo Castelo, ao que contribúe tamén o feito de que se atopa entre dous parques infantís.

As fontes urbanas abastécense da traída municipal, polo que a auga é apta para o consumo, algo do que non hai garantías en mananciais situados nos arredores da cidade e que, a pesar diso, son tamén moi usados.

Comentarios