Retiran do Carqueixo en 16 días 60 toneladas de lixo

A maioría dos residuos localizados son material de construción
Basura en O Carqueixo. EP
photo_camera Lixo no Carqueixo. EP

A empresa Urbaser, concesionaria do servizo de recollida de residuos e limpeza, retirou entre o 26 de novembro e o 12 de decembro 59.700 quilos de lixo do poboado do Carqueixo, fundamentalmente cascallo procedente da construción. O edil de medio ambiente, Álvaro Santos, achegaba este dato como resposta á denuncia do PP sobre a proliferación de vertedoiros incontrolados neste punto e noutros de Santa María de Bóveda.

Santos explicou que o Concello limpou os vertedoiros do Carqueixo ata en oito ocasións nesas case tres semanas e en cada unha das xornadas Urbaser enviou un camión de caixa aberta con pluma e un tractor, ademais dun condutor, un peón e un maquinista para poder separar a gran cantidade de residuos que se atopaban na contorna. "Ao final, extraéronse 63 metros cúbicos de materiais diversos e madeiras varias, rodas e plásticos grandes como, por exemplo, persianas", comentou o edil.

Álvaro Santos explicou tamén que a concesionaria non só limpou O Carqueixo senón tamén outros vertedoiros situados ás aforas do poboado, no monte de e outras leiras afectadas. Ademais, asegurou que o Concello actúa "á maior brevidade posible" cada vez que ten constancia de que se están rexistrando acumulacións incontroladas de residuos, polo que Santos instou os veciños a que, se teñen coñecemento delas, fágano chegar ao Concello a través do 010 ou ben mediante a aplicación Liña Verde, para poder atallalas.

Comentarios