Os cadros dos presidentes da Deputación de Lugo nomeados na ditudura de Primo de Rivera, tralo levantamento militar de 1936 e no franquismo xa non colgan dos corredores do pazo de San Marcos, dos que foron retirados este venres.
"Non se trata de esquecer a historia, nin de axustar contas individual ou colectivamente, se non de visibilizar que unha sociedade democrática non pode dar o mesmo tratamento a representantes políticos dun rexime fascista que a representantes políticos elixidos democraticamente", sinalou o deputado de Memoria Histórica, Efrén Castro.
A retirada deses cadros fora solicitada xa formalmente en 2018 polo grupo provincial do BNG a través dun rogo, pero daquela non chegou a iniciarse o procedemento.
Agora, con el completado, Castro subliña que "as institucións non poden acoller elementos de recoñecemento ao franquismo ou ás persoas que o representaron" porque "iso contribúe a branquear e lexitimar a ditadura". "A transición construíse sobre unha lei de amnistía e un relato feito á medida das forzas do rexime e en contra da memoria e a dignidade das persoas represaliadas e das súas familias", sinalou o deputado nacionalista.
DÍA DA GALIZA MÁRTIR. O próximo luns, 17 de agosto, coincidindo co Día da Galiza Mártir, a área de Memoria Histórica celebrará un acto de "lembranza e homenaxe" ás persoas represaliadas polo franquismo en Sarria.
Comezará ás oito da tarde cunha ofrenda floral no murallón de Santa Mariña, a carón da placa que lembra as vítimas do franquismo na comarca. A continuación, o historiador Rafael García Ferreira pronunciará unha conferencia: 'O golpe do 36: violencia e perspectiva nacional'. A música de Raiceira acompañará a intervención.