Rescatada unha cadela de dous meses que deixaron atada a un colector en Fingoi

O achado foi publicado este luns en redes sociais e o animal atopou unha familia que a adoptou

Chovía a cachón e facía frío pero, aínda así, esta cachorra de can resistía atada cun cable a un colector. Nesta situación, foi atopada por unha estudante do campus, que ouviu os xemidos da cadela e dirixiuse ao colector situado en Fingoi, nas proximidades de Augas Férreas.

"Foi o domingo pola noite, sobre as once. Facía frío e estaba a chover. E alí estaba a cadeliña, atada cun cable da luz ao colector. Polo tanto, non dubidamos nin un só momento en subila a casa", afirma a moza que a atopou nesta situación.

O animal —ao que se lle calcula que terá dous meses de vida— foi desparasitado. Acto seguido, a moza que rescatou a cadela, de raza mestiza, publicou a foto en Facebook, contando que a atopou nun colector e que buscaba unha familia para ela.

O anuncio tivo efecto. Ao pouco tempo de publicalo, unha familia interesouse polo animal, que atopou un novo fogar deste xeito.

CEMITERIO. Ademais desta cachorra, outro can perdido foi visto este luns nos arredores do cemiterio. A súa foto tamén foi publicada no grupo Eres de Lugo, en Facebook, co fin de dar cos seus donos.

O animal apareceu en bo estado pero tiña moito medo e tamén fame, do que se podería deducir que levaba varios días desorientado.

Comentarios