Repintados uns 130 pasos de peóns de cincuenta rúas de Lugo

O Concello busca así reducir o risco de atropelo nas vías que soportan maior intensidade circulatoria e as próximas a centros educativos

O Concello acometeu o repintado duns 130 pasos de peóns en máis de medio centenar de rúas da cidade, segundo informou o concelleiro de educación e infraestruturas urbanas, Manuel Núñez, quen supervisou o estado destas tarefas de repaso desta sinalización horizontal, que se acometeron durante a noite para minimizar as molestias a peóns e condutores.

O edil explicou que queda pendente o repintado de 14 pasos, á espera da mellora das condicións meteorolóxicas, e que se sitúan nas rúas Cidade de Viveiro, Castelao, Rafael de Veiga, contorna de Ramón Montenegro e Rúa Filharmónica Lucense. Con estes traballos, Manuel Núnez explica que se busca reducir o risco de atropelo dos peóns e preservar a súa seguridade fronte ao tráfico rodado, á vez que recorda que nalgunhas rúas actuouse tras as peticións que lle fixeron chegar ao Concello distintos veciños.

Ademais, os labores afectaron principalmente aos pasos das principais vías da cidade e aos próximos a centros educativos. A pintura empregada foi unha solución plástica branca de dous compoñentes, con aplicación de microesferas de vidro para aumentar a visibilidade, así como cun produto que ofrece unha maior durabilidad e resistencia ao deslizamento.

O plan de repintado contemplaba a actuación nun total de 2.293 metros cadrados de superficie.

Comentarios