Remata a primeira edición da iniciativa 'EnRedando co Galego'

A gala final contou coa actuación musical de Verto
Participantes na iniciativa. EP
photo_camera Participantes na iniciativa. EP

Este xoves tivo lugar a gala final da primeira edición da iniciativa EnRedando co Galego, que se levou a cabo durante os meses de abril e maio e contou coa participación de estudantes dos IES Muralla Romana e Leiras Pulpeiro.

No acto estiveron presentes o tenente alcalde, Rubén Arroxo, e o concelleiro de Educación, Felipe Rivas. Arroxo explicou que “con esta iniciativa queremos promover o uso do galego entre a mocidade, e promover a creación literaria e artística a través da lingua”.

As rapazas e rapaces participantes puideron desfrutar dunha xornada festiva presentada por Lois Pérez, e que contou coa actuación musical de Verto, un proxecto musical en galego que está a ter unha gran aceptación entre a mocidade galega.

Na gala celebrada este xoves, a mocidade participante ralizou un intercambio de experiencias, e recibiron un agasallo pola súa participación, ademais de participar no sorteo de agasallos de material electrónico e lotes de libros.

Durante 21 días, os estudantes participantes puideron escoller dúas experiencias distintas: unha inmersión lingüística, compartindo nas redes sociais as súas reflexións sobre o proceso ou unha experiencia de creación literaria e artística, na que crearon obras literarias en galego en formato escrito e dixital, que foron enviadas á Escola de Escritoras e Escritores da AELG.

Comentarios