O reitor da USC pide que o novo plan de financiamento "achegue máis recursos á universidade pública"

López participou nos actos de Santo Tomás de Aquino en Lugo

Antonio López, en la festividad de Santo Tomás de Aquino. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Antonio López, na festividade de Santo Tomás de Aquino. VICTORIA RODRÍGUEZ

O reitor da Universidade de Santiago de Compostela (USC), Antonio López, reclamou este luns que o novo plan de financiamento para as universidades, que se fixará pola Xunta a partir de 2020, "achegue máis recursos para a universidade pública". 

López fixo estas declaracións durante a súa participación na festividade de Santo Tomás de Aquino en Lugo, onde subliñou a necesidade de reconfigurar o plan de financiamento universitario, xa que o actual, vixente ata 2020, foi concibido durante os anos da crise económica. 

"É un plan de crise, de recursos escasos, que nos está permitindo subsistir pero con moitísimas dificultades", censurou o reitor da USC, que apelou a que "a universidade fixo e está a facer o esforzo que se lle pediu a todas as administracións na crise, pero esta non é unha situación que se poida manter no tempo". "é unha situación excepcional para un período excepcional, pero temos que conseguir que o novo plan de financiamento achegue máis recursos para a universidade pública", reivindicou.

"FUGA" ÁS UNIVERSIDADES PRIVADAS. Antonio López, cuestionado sobre a "fuga" de estudantes á privada, comentou que os "recortes non afectaron tanto ao número de prazas que ofertan, que se mantiveron, pero si que afectou directamente aos recursos" dos que dispoñen as universidades. 

"Non diría que hai unha relación directa, pero si hai unha relación indirecta no sentido de que dispomos de recursos limitados e ás veces o servizo que estamos a prestar, se cadra, non ten a calidade que merece a universidade pública que todos defendemos", indicou. 

López realizaba estas declaracións antes de participar nos actos da festividade de Santo Tomás, na que a lección maxistral correu a cargo de Francisco Rodríguez Lestegas, decano da Escola de Formación do Profesorado de Lugo. 

Comentarios