A Rede Museística programa case 40 actividades para escolares lucenses

Os nenos participarán en xogos interactivos, didácticos e ambientais, entre outros

Balseiro, García y Lago presentaron la programación. EP
photo_camera Balseiro, García e Lago presentaron a programación. EP

A Rede Museística da Deputación de Lugo programa un total de 36 actividades gratuítas para escolares da provincia durante este curso. O Museo Provincial de Lugo, o pazo de Tor (Monforte), a fortaleza de San Paio de Narla (Friol) e o Museo do Mar (Cervo) abrirán un ano máis as súas portas para pór os seus recursos a disposición dos profesionais da educación.

A deputada de cultura, Pilar García Porto, presentou este xoves a nova programación acompañada da directora do museo lucense, Aurelia Balseiro e a xerente da rede museística, Encarna Lago. Os nenos poderán gozar dunha ampla variedade de iniciativas lúdicas entre as que destaca, como novidade, Crea o teu propio museo. A través desta actividade, que levará a cabo en todos os catro centros expositivos, os nenos coñecerán o funcionamento e metodoloxía de traballo dun museo e poderán crear o seu propio centro expositivo persoal con obxectos representativos da súa traxectoria vital, familiar e escolar. Os resultados das creacións presentaranse nunha mostra e compartirase con outras escolas, incluídos centros doutros países.

Os alumnos poderán crear o seu propio museo con obxectos persoais e os resultados compartiranse con centros doutros países

PROGRAMACIÓN. Os museos contarán con propostas compartidas e tamén propias. No Museo do Mar destaca A agulla de marear, a través da que os participantes poderán escoitar historias de navegantes; no Museo Provincial levará a cabo Rutas franciscanas, un percorrido interactivo polas estancias que pertenceron ao antigo convento franciscano; no Pazo de Tor os asistentes descubrirán aos animais representados nas distintas obras expostas con Viaxe fotográfico non Museo Pazo de Tor; e en San Paio de Narla os escolares disfutarán coas historias de servos e cabaleiros a través da actividade Castelo Encantado.

Encarna Lago destacou a ampla variedade de actividaes ofertadas e resaltou a importancia desta iniciativa "para que os nenos aprendan desde moi pequenos a respectar o patrimonio que os rodea e o coñezan". Anunciou ademais que para facilitar a participación dos escolares este ano poderán gozar da programación "en horario de mañá e de tarde".

García Porto, pola súa banda, animou a todos os centros da provincia a anotarse a estas actividades "que contribúen á formación dos alumnos e ao mesmo tempo teñen unha vertente lúdica coa que se achegarán ao mundo da cultura dun xeito máis ameno e divertido".