Recoñece que conducía ebrio cando provocou un choque múltiple na N-VI

A Fiscalía solicitaba unha condena de dous anos de cárcere e seis anos de retirada de carné, pero o acusado recoñeceu os feitos ante a xuíza e pactou coa acusación unha rebaixa de condena.

Prueba de alcoholemia. DP
photo_camera Prueba de alcoholemia. DP

Un condutor que provocou un accidente múltiple cando circulaba bebido pola Nacional VI confesouse este xoves culpable ante a xuíza do Penal número 1 de Lugo e aceptou a súa condena.

O home recoñeceu que o 8 de abril de 2016, sobre as seis e media da tarde, conducía o seu turismo pola Nacional VI baixo a influencia de bebidas alcohólicas, polo que ao chegar á altura do quilómetro 508,800 invadiu o sentido contrario e chocou de fronte cunha furgoneta. Esta última realizou unha manobra evasiva para tratar de evitar o choque e impactou co lateral doutra furgoneta, que circulaba polo carril adicional para vehículos lentos.

Tras o accidente, varios axentes do subsector de Tráfico da Garda Civil de Lugo trasladáronse ao lugar e someteron ao acusado á proba de alcoholemia, na que arroxou unha taxa de 060 miligramos por litro de aire expirado.

Ademais, segundo quedou recollido no atestado, o home presentaba outros síntomas de embriaguez, como ollos brillantes con pupilas dilatadas, comportamento eufórico e locuaz ou fala titubeante, entre outros.

O ministerio fiscal acusou o home dun delito contra a seguridade viaria en concurso ideal cun delito de lesións por imprudencia grave, xa que un dos ocupantes das furgonetas implicadas na colisión resulto ferido.

A Fiscalía solicitaba inicialmente unha condena de dous anos de cárcere e seis anos de retirada de carné, pero o acusado recoñeceu os feitos ante a xuíza e pactou coa acusación unha rebaixa de condena.