Reclama 102.000 euros tras arroiar a un corzo e néganllos por estar sinalizado

A Xunta, titular da vía, explicou que o lugar concreto onde se produciu o contratempo "non pode ser califcado como tramo con alta accidentalidade" 
Atropello de un corzo en una carretera lucense. AEP
photo_camera Atropelo dun corzo nunha estrada lucense. AEP

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia rexeitou o recurso dun home que reclamaba 102.000 euros polas lesións e os danos no seu turismo que sufriu tras atropelar a un corzo que se cruzou no seu camiño nunha estrada lucense.

O home alegou que, desde que se incorporou á vía ata que atropelou ao animal, non viu ningún sinal de perigo por irrupción de animais na calzada. Con todo, o tribunal explica que, aínda que non a houbese no tramo que percorreu o condutor, si que había sinais nesa vía, “sen que sexa exixible estar a reiterar a advertencia de perigo cada poucos quilómetros”, apunta.

O demandante, de 55 anos, conducía o seu turismo na noite do 20 de xullo de 2014 pola estrada LU-120. Nun momento do traxecto, un corzo irrompeu na calzada, procedente da marxe dereita, e impactou no vehículo. O condutor realizou unha manobra evasiva cara á esquerda, pero non puido evitar o atropelo do animal, polo que perdeu o control do coche, que virou sobre si mesmo, deslizouse sobre a vía e chocou contra unha vivenda.

Segundo recolle o fallo, no quilómetro 14,200 desa vía, no mesmo sentido de circulación do vehículo, existía un sinal de perigo por animais salvaxes en 2 quilómetros, “aínda que o condutor manifesta que se incorporou á vía máis adiante, e que xa non viu ningún sinal”, sinala.

A sala do Contencioso do TSXG pon fin á reclamación do afectado ante a Xustiza

A Xunta, titular da vía, explicou que o lugar concreto onde se produciu o contratempo “non pode ser califcado como tramo con alta accidentalidade por colisión de animais soltos con vehículos”, xa que a propia Garda Civil de Tráfco informou que non tiña coñecemento de que o lugar do accidente fose un lugar de paso habitual de animais salvaxes.

“Loxicamente”, conclúe a sentenza, “a mencionada sinalización de perigo ha de estar situada no tramo que presenta a alta accidentalidade por colisión de vehículos con animais soltos e debe estar situada no lugar onde en maior medida ten lugar a concentración da citada sinistralidade, sen que sexa exixible estar a reiterar a advertencia de perigo cada poucos quilómetros ou reducido espazo”.

Deste xeito, a sala do Contencioso do TSXG pon fin á reclamación do afectado ante a Xustiza, máis de cinco anos despois de que tivese lugar o atropelo do animal.

Comentarios