As rebaixas arrincan con optimismo en Lugo

O primeiro día da campaña de verán comezou con boas expectativas ao superar as vendas do ano anterior, a pesar da choiva intermitente pola tarde. Calcúlase que cada galego gastará entre 40 e 60 euros de media

As rebaixas de verán comezan con altas expectativas, xa que, segundo un estudo da empresa de recursos humanos Adecco, este ano producirase un incremento do 4% no volume das vendas. Mentres, os comerciantes afrontan con "certo optimismo" a campaña, na que se calcula que os galegos gasten entre 40 e 60 euros de media, segundo avanzou onte o presidente da Federación de Comercio de Lugo, José María Seijas.

Na capital lucense, as rebaixas comezaron cun día chuvioso tras a intensa onda de calor que estivo a azoutar toda España. A pesar diso, os comercios non notaron o mal tempo ao alcanzar cifras de venda parecidas ao ano pasado e nalgúns afirmaron que incluso se melloraron en certos intervalos da mañá.

Os clientes, pola súa banda, afirman que os descontos son moi semellantes aos de anos anteriores e, aínda que moitas tendas xa comezaran as rebaixas antes, preferiron ir este día para aproveitar os das tendas do grupo Inditex.

Algunhas coñecidas franquías non ampliaron o persoal pero si a xornada laboral, aínda que os seus empregados admitían que non lles veu mal unha axuda extra. En cambio comercios locais como Vanluy si que aseguran que contrataron persoal de reforzo para cubrir a campaña de rebaixas e as vacacións.

Os descontos nestas primeiras rebaixas están en torno ao 30% e ao 40%, excepto en excedentes de artigos doutros anos, que poden superar o 50%.

A maioría dos clientes acudiron ás rebaixas sen ir antes a ver artigos, pero outros, como Noelia Branco, afirman que miraran as páxinas web das tendas para "ir a tiro fixo".

Os clientes non viron un impedimento a intermitente choiva que se rexistrou ao longo da tarde, senón que moitos preferíano "ao haber menos xente pola rúa", segundo declaraba Ricardo Joquera. Mentres, na tenda Ramil, onde hai descontos de ata o 70%, aseguran que "o tempo non inflúe; o importante é que a xente teña diñeiro para poder ir de rebaixas", declaran.

Algunhas tendas comezaron as promocións hai semanas, pero afirman que ata hoxe non se viviu o ambiente de rebaixas. Explican que moitos clientes están afeitos a que os descontos empecen o mesmo día en todas as tendas, a pesar de que pasaron xa varios anos desde que se deixou de fixar unha data de inicio e final.

Comentarios