Un lucense denuncia que a súa empresa non o readmite por pedir a redución horaria

Demandou á súa empresa cando o botou por pedir a conciliación para compartir a custodia do seu fillo. O xuíz declarou despedimento nulo fai 9 meses, pero a compañía non executa a sentenza
2019101412265384802
photo_camera O afectado presentou varias denuncias contra a súa empresa nos xulgados de Armando Durán. ARQUIVO

"O despedimento foi nulo e non me readmiten porque lles molesta que concilie. Levo 9 meses esperando a que a empresa acate o fallo xudicial, pero vexo que non teñen ningunha intención de facelo e estou cansado de presentar escritos e recursos nos xulgados. Isto non se pode consentir". Así de taxativo móstrase un lucense que leva máis de dous anos litigando coa súa empresa, coa que comezou a ter "problemas" cando se separou da súa muller e solicitou unha redución de xornada para poder exercer a custodia compartida do seu fillo, que tiña recoñecida por sentenza xudicial firme.

O home -vixiante de seguridade nunha das grandes empresas do sector- pediu unha redución de horas en 2015 para poder facerse cargo do seu fillo menor. A empresa concedeulla, pero en xullo de 2018 retiroulla sen darlle explicacións. "Non mo comunicaron, nin tan sequera de palabra. Simplemente colgaron o cuadrante do mes coa miña quenda completa". O home acatou o novo horario, pero denunciou o caso no xulgado do Social número 1 de Lugo. "A partir dese momento comezaron os meus problemas coa empresa. Non me entregaban as nóminas, non me pagaban as horas extra e impúñanme as vacacións, entre outras moitas cousas".

Finalmente, en xuño de 2019, a xuíza concluíu que a empresa modificou o horario e a xornada diaria do traballador "sen xustificación nin notificación algunha", polo que obrigou á firma "a reporlle nas anteriores condicións de traballo que rexían antes de producirse dita modificación". Ademais, condenou á compañía a indemnizar ao home na cantidade de 3.500 euros por danos morais, "dada a gravidade da conduta do empresario, que incide directamente no exercicio dun dereito fundamental do actor, como é o coidado do seu fillo menor".

A compañía pagoulle á indemnización e readmitiuno, pero 14 días despois botouno á rúa, supostamente "por causas obxectivas". O traballador acudiu de novo aos tribunais -ao considerar que se trataba unha represalia por solicitar a redución de xornada- e en decembro de 2019 un xuíz deulle a razón e declarou o despedimento "nulo", pero a empresa aínda non acatou o fallo.

"Levo nove meses esperando a que se cumpra a sentenza e readmítanme no meu posto de traballo coa miña xornada reducida, pero a empresa non deixa de pór escusas co único obxectivo de prexudicarme. Agora falan de que houbo unha subrogación, pero en calquera caso sería posterior á sentenza. O peor é que, en todas as comparecencias ante o xuíz, o avogado da compañía expón os seus argumentos sen que ninguén lle pida ningunha proba nin xustificación. Así van alargando as cousas, pero eu estou a tratamento psiquiátrico e isto estame custando a saúde", lamenta. Este lucense esixe que a Xustiza obrigue á empresa a acatar a sentenza, "xa que o máis prexudicado é o menor", conclúe.

"A conciliación segue mal vista; sobre todo se a pide un home" 
Este lucense asegura que a conciliación da vida laboral e familiar aínda segue estando "mal vista" en moitos traballos. "A miña empresa é grande e presume de ter plan de igualdade, pero realmente, non lles interesa un traballador con redución de xornada, así que lle pon trabas ata que se rende. Eu estou a tratamento por ansiedade e depresión por mor de todo isto, pero seguirei loitando con uñas e dentes para defender os meus dereitos e os do meu fillo. Hai que concienciar aos poderes públicos do dano que causan estas situacións ás familias", expón.
Actuación xudicial
Para este traballador, a Xustiza tampouco vela polo interese dos menores como tería que facelo. "Non entendo que non se lle esixa máis a unha empresa que non acata unha sentenza. Eu ata esixín por escrito que a xuíza e o letrado da Administración de Xustiza explíquenme se teñen algún tipo de amizade coa demandada", denuncia.

Comentarios