Ramón Villares e Paco Martín recollen o premio Otero Pedrayo 2019

O historiador recoñeceuse "alumno na distancia" de Pedrayo e o escritor lembrou a memoria dos seus "mestres exemplares"
Paco Martín e Ramón Villares. SEBAS SENANDE
photo_camera Paco Martín e Ramón Villares. SEBAS SENANDE

O escritor Paco Martín e o historiador Ramón Villares recibiron este venres con gran ledicia o premio Otero Pedrayo 2019 nun acto que se desenvolveu no salón de actos da Deputación de Lugo, a entidaque acolleu o premio este ano.

"Estou, podédesmo crer, orgulloso de recibir esta distinción que hoxe me concededes. Comprendendo as miñas carencias dentro do que a idade me permite, quero pensar que, ademais das motivadas polo inexorable paso dos anos, e pola miña obra literaria, as razóns que moveron a quen fixo realidade este premio, teñan bastante que ver co meu empeño, cativo, mais voluntarioso, pola fala e identidade nosas, en especial desde o meu oficio e a carón de tantos compañeiras e compañeiros comprometidos con este esforzo", expresou Paco Martín tras recoller o galardón.

O escritor, ademais, quixo facer pública a lembranza a Agustín Fernández Paz e Xabier P. Docampo, "mestres exemplares, excelentes escritores e entrañables amigos, que, cada un no seu momento, foron tamén propostos para o premio Otero Pedrayo con máis merecementos, pero con peor fortuna ca min. A eles, xa finados, e a tantos coma eles, a miña homenaxe, admiración e respeto (...) Non podo evitar preguntarme a min mesmo se a xenerosa entrega deste premio permite hoxe recoller os froitos de tan laboriosa sementeira ", agregou Paco Martín, o pai de Ramón Lamote.

Pola súa parte, o historiador Ramón Villares repasou a traxectoria vital, política e literaria de Otero Pedrayo, a quen estudou con profundidade. "Podería ter escrito eu moitas outras cosas sen ter en conta a Otero Pedrayo, pero serían de moita peor calidade. Na distancia, convertinme no seu alumno", dixo o historiador.

No acto de entrega estiveron presentes representantes das catro deputacións galegas, da Universidade de Santiago de Compostela e da Real Academia da Lingua Galega

Villares continou o seu faladoiro asegurando que é da opinión de que a obra de Pedrayo "está moi viva para quen queira entender a historia de Galicia e a súa cultura, porque Otero representa un cambio na cultura, na súa condición de autor clásico. Os clásicos son unha tradición que non están fóra do tempo, senón que mudan constantemente co paso, nos axudan e nos inflúen. O clásico e quen resiste o diálogo coa posteridade, e ese diálogo adquire novos trazos e mellora o seu sabor".

O premio Otero Pedrayo, dotado con 16.000 euros na presente edición, leva entregándose desde 1977 e pretende recoñecer a traxectoria de institucións ou personalidades que contribúen á defensa e a difusión da cultura galega.

É a quinta vez que dúas persoas reciben á vez o premio, xa que o ano pasado recaeu sobre a pedagoga Antía Cal e a escritora María Xosé Queizán e, noutras ocasións, o galardón foi compartido por Xaquín Lorenzo e José Fariña (1982), por Manuel María e Uxío Novoneyra (1999) e por Acisclo Manzano e Manuel Buciños (2016).

No acto de entrega estiveron presentes representantes das catro deputacións galegas, da Universidade de Santiago de Compostela e da Real Academia da Lingua Galega. Ademais, os músicos Rodrigo Romaní e Bea Martínez interpretaron tres cancións co arpa.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé; a vicepresidenta, Maite Ferreiro, e o o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, foron, respectivamente, os encargados de facer entrega dos galardóns a dous tótems da galeguidade: Ramón Villares e Paco Martín.

Comentarios