A Ramón Falcón presume de alumnos

O centro lucense de ensinanzas artísticas entregou premios a estudantes
_DSC6843
photo_camera Acto de entrega de premios aos alumnos galardoados da Ramón Falcón. EP

Os alumnos da Escola Superior de Arte e Deseño Ramón Falcón de Lugo son creativos e exitosos, e o centro recoñeceu este xoves o seu talento nun acto que incluíu a entrega de premios a estudantes que sobresaíron.

A festa na escola incluíu, así, a entrega do premio extraordinario de Ensinanzas Superiores de Deseño a Belén Cordeiro Rodríguez, autora dunha campaña publicitaria para o festival literario-feminista Letraheridas 2022, de Pamplona, que pretende visibilizar a literatura e labor editorial feminina.

Á vez, Michelle Volpe recibiu o premio extraordinario Ciclo Formativo de Grao Superior. Profesional da arquitectura, a alumna galardoada nesa categoría desenvolveu creacións cerámicas a modo de celosía combinable para facer cerramentos aplicables á arquitectura, cun "carácter orgánico e sostible", destacou o centro.

O premio extraordinario Ciclo Formativo de Grao Medio foi para Axel Fernández Soilán, alumno brillante, de notable creatividade e que demostrou unha gran capacidade de superación persoal e académica, resaltou o centro lucense de formación en disciplinas artísticas.

Houbo tamén dúas alumnas distinguidas coa Mención de Honra a Creatividade e a Innovación. O recoñecemento outorgado ex aequo foi para Belén Lozano López, estudante que foi finalista do premio Luis Casado de Fotografía e á que na Ramón Falcón consideran "valor seguro da fotografía galega do presente inmediato". O outro galardón foi para Andrea Freire Parga, autora dun traballo final de estudos que reflicte o proceso de xestión cotiá dunha enfermidade mental.