Ramón Carballo: "Non sería mala outra volta, que os veciños elixiran entre Méndez e eu"

Coa mesma naturalidade que asumiu o reto, non solicitado, de pelexar pola alcaldía de Lugo asume agora o papel de xefe da oposición. Di que só traballa no presente e no futuro inmediato e que non terá inconvinte en apoiar iniciativas do goberno cando sexan boas para Lugo

Ramón Carballo, edil do PP lucense. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Ramón Carballo. VICTORIA RODRÍGUEZ

Á TERCEIRA tampouco foi [hai anos foi candidato en Pedrafita e na Fonsagrada]. Como se sente?

A intención dos lucenses era que houbera un cambio de goberno e houbo unha clara sanción á acción dos catro anos pasados, pero todo indica que estes votos non son suficientes para formar unha alternativa á esquerda. Somos outra vez a lista máis votada e estamos dispostos a gobernar, pero gañar non quere dicir, segundo está a lei electoral, que se poida gobernar.

É partidario de cambiar a lei?

Creo que debía haber unha segunda volta ou algo, neste caso entre as dúas forzas máis votadas, no que se vira cal é a opción dos lucenses. Non sería malo que se pronunciasen. Moitos cidadáns dinme que non entenden como gañamos e non gobernamos.

Noutros sitios, agora a lei tamén beneficia ao PP, que pacta para apartar a lista máis votada.

Unhas veces benefíciate e outras pódete prexudicar, pero non é unha cuestión de temas individuais se non de reflectir a vontade do pobo. O PP mantivo o mesmo discurso cando lle podía favorecer máis e cando menos. Creo que debemos ser coherentes.

Di que houbo unha clara censura a Méndez, pero mantivo os edís.

A situación para o PSOE era moi favorable —nas xerais gañoulle ao PP— e houbo un 12% de lucenses que votaron ao PSOE na urna das europeas e non votaron a Méndez. Se non se ve aí unha clara sanción, eu creo que é non mirar a realidade. É certo que ninguén pensaba, polo que se dicía na rúa, que puidera manter a representación.

Con 1.827 votos máis, o PP tería once concelleiros e podería gobernar con Cs. Só Vox obtivo 980, aos que habería que engadir os doutras candidaturas como FLI, que xurdiu hai anos do PP. Que análise fai?

O que diciamos en campaña, que o voto que non fora ao PP da xente que quixera un cambio de goberno era voto perdido, fora a Cs, a Vox, a FLI... Igual que calquera voto de esquerda era darlle o voto a Méndez. Pero calquera é libre de presentarse e non se sabe se todos os votos de Vox e de FLI virían ao PP, se os da lista de Manolo Martínez eran do PP ou do PSOE...

Puido perder voto de centro ao dicir que estaría disposto a falar con Vox?

O que dixen é que non poñía ningún cordón para falar con ninguén porque habería que ver que grupos había no Concello. Nunca puxen cordóns nin para falar con EU, BNG... Se tiveran representación, a alcaldesa tería que falar con eles no pleno.

Cre que influíu a marcha de Enrique Rozas?

Non o podo valorar, pero creo que para nada puido influír negativamente porque estivo implicado ao 100%. Foi unha pérdida porque, xa o dixen, é unha persoa que ten moita empatía nesta cidade, e quería contar con el. Volcouse neste proxecto, o que lle agradezo, igual que a outra xente que foi na lista. Non creo que tivera incidencia, nin negativa nin positiva.

Con todo, o PP aumentou un concelleiro e vostede sae reforzado. Colócao iso nunha posición de ser candidato ao Parlamento galego? Ou vai ser voceiro os catro anos?

Farei o papel que me corresponde na oposición, nunca falo de futuribles. Que vou facer nun mes? Non sei, podo enfermar e ter que tomar decisións. Eu traballo no presente e no futuro inmediato. A miña ambición está máis que cuberta, non estou máis que ao que me toque en cada momento.

Compatibilizará, como xa dixo, o Concello coa xefatura da Xunta.

Díxeno onte e se cadra mañá digo outra cousa. Cando se estruture o grupo ao mellor considero máis necesario estar aquí, polo motivo que sexa. E non se me caen os aneis.

De que recursos lle gustaría dispoñer e que equipo quere facer?

Partimos de tres dedicacións políticas e tres traballadores, pero subimos un concelleiro e esperamos ter máis recursos. Temos que facer un grupo de traballo, somos dez e temos que traballar todos.

Xa asignou as áreas?

Diso estamos falando, en que área se sentiría máis cómodo cada un dos compañeiros... Tamén dependerá moito das áreas que se formen no goberno.

"Non teremos escrúpulos en apoiar propostas do PSOE e do BNG beneficien a Lugo"
Que oposición fará o novo PP?

Temos que controlar a acción de goberno, pero sempre en positivo. Non teremos escrúpulos en apoiar propostas do PSOE ou do BNG se benefician a cidade e espero que apoien as nosas tamén.

Feijóo empuxouno a presentarse á alcaldía, devolverallas agora e será esixente con Lugo?

Como fun sempre. Pero creo que a Xunta ésta cumprindo con Lugo, o que non é de recibo é que lle estiveran poñendo freo dende o Concello, retrasando permisos.

Levamos anos con gobernos diferentes e a cidade resíntese. Agárdannos catro anos máis así?

Hai que ver quen quere poñerse de fronte en vez de colaborar. Se eu gobernara trataría de ter a mellor relación con todos os gobernos.

Terá o Concello un representante do PP na Deputación?

Eu son partidario de que a teña e así o manifestei.

Quen será?

De momento non teño nin idea.

Comentarios