Rajoy pide en Lugo que se vaia a votar "sen medo" porque "non se debe facer caso aos que menten"

O que foi presidente do Goberno estivo acompañado por unhas 200 persoas nunha leira próxima á cidade
Rajoy, en Lugo. PARTIDO POPULAR
photo_camera Rajoy, en Lugo. PARTIDO POPULAR

O expresidente do Goberno Mariano Rajoy pediu este xoves desde a cidade de Lugo que a xente "acuda a votar o domingo sen medo", porque "non se debe facer caso aos que menten e enganan". 

Rajoy identificou "aos que menten" cos que "saben que non van gañar" nas eleccións autonómicas e cos que coñecen "que van perder". 

O que foi presidente do Goberno estivo acompañado por unhas 200 persoas nunha leira próxima á cidade de Lugo, a mesma onde o candidato á relección, Alberto Núñez Feijóo, estivo o pasado martes arengando aos representantes do seu partido. 

Este xoves, Rajoy estivo acompañado polo conselleiro de Industria, Francisco Conde, o portavoz municipal e número cinco da lista por Lugo, Ramón Carballo, e por Elena Candia, cabeza de lista do PP na provincia, que mandou unha mensaxe de forma telemática, xa que se atopa confinada polo brote na Mariña. Sobre a exalcaldesa de Mondoñedo, o expresidente dixo que "está onde ten que estar". 

"O Goberno de hoxe non sabe onde ir, nin o que facer"

Así, sostén "que os gobernos autonómicos deben estar na liña da sensatez" como o "da Xunta con Feijoo". As eleccións en Galicia "non as decide o discurso de ninguén, senón o voto da xente". "Feijóo é un político que deu a talla e todo gañoullo con suor", pois "non fará cousas que non sexan boas para o interese xeral". 

Chama ás urnas ante a situación que se está "vivindo". "Hoxe estamos empate a cero", deixou claro, polo que apelado aos presentes a pedir "o voto para este partido" e dicirlle á xente "que vote ao Partido Popular" ara "gañar o partido".

DISCURSO SOBRE ECONOMÍA. "Quero pór énfase na situación da economía de hoxe" e do que "pode pasar no futuro", comezou Rajoy a súa intervención, porque para el "a economía é a vida da xente". 

Así, quixo mandar unha mensaxe ao presidente do goberno, Pedro Sánchez, "sen ningunha pretensión política". "O Goberno de hoxe non sabe onde ir, nin o que facer". Segundo Rajoy, debe centrarse en crear "emprego e apoiar ás empresas", porque o demais "é demagoxia barata". 

Ademais, defendeu que o que funciona non se debe tocar", en referencia á reforma laboral e que non se debe gastar un o que non ten", por iso "hai que ir con coidado", avisa. "As cousas aínda se poden facer ben", pero para Rajoy "hai que deixarse de partidismos e sectarismo". 

Comentarios