Un pub coa actividade suspendida convoca unha festa en redes sociais

A Policía Local evitouna e o hostaleiro utilizou o mesmo medio para anunciar que segue pechado
2020072809184781542
photo_camera A intervención policial do pasado 8 de xullo na Rúa Salvador de Madariaga. POLICÍA LOCAL

"Este venres 24, hora feliz, hora tola...". Así figuraba na convocatoria en redes sociais a celebración que ía ter lugar o venres pasado nunha cervexería da Rúa Salvador de Madariaga, a pesar de que ten desde hai dúas semanas unha orde municipal de suspensión de actividade.

O hostaleiro utilizaba comida e bebida gratis como reclamos para atraer clientes ao seu establecemento, que pretendía volver abrir malia o peche ordenado.

A Policía Local, que detectou esa invitación nas redes sociais, foi ao establecemento e cominou ao encargado, que se atopaba no seu interior, para que non abrise porque se expuña a graves "consecuencias". O empresario volveu entón a utilizar o mesmo medio para anunciar que a súa cervexería seguía pechada.

Desde o pasado día 11 este negocio non pode abrir. Esa medida aplicouse por mor das múltiples infraccións que detectara uns días antes a Policía Local.

Axentes deste corpo e da Policía Nacional desaloxaban unha festa na noite do día 8, tras recibir varias chamadas de veciños que non podían descansar debido ao ruído que proviña do establecemento.

Cando acudiron á cervexería, atopáronse con que tiña varios altofalantes, unha mesa de mestura e un ecualizador, que estaban na cociña. O local carece de autorización para ter instalado un equipo de reprodución musical.

No interior do establecemento había 96 persoas, cando a súa licenza fixa o seu aforamento en 78, polo que excedía o límite do 75% fixado polas autoridades sanitarias pola pandemia. Para gañar espazo colocara o futbolín enriba da mesa de billar.

Ademais dese sobreaforo, os clientes estaban dentro do local sen máscaras e sen respectar a distancia de seguridade interpersoal. Había cabichas e un forte cheiro a tabaco. A relación de infraccións non quedou aí. Dous camareiros non tiñan contrato.

Este non foi o único establecemento de hostalería no que interveu a Policía Local o pasado fin de semana. Tamén levantaron actas de denuncia en tres negocios, dous da Rúa Tui e outro da Rúa Xosé Castiñeira —todos reincidentes— por infracción da normativa autonómica e local de espectáculos públicos.

A sanción a un dos locais da Rúa Tui foi por exceder o horario, pois estaba aberto ás 7.40 horas da mañá, cando ten que pechar ás 4.30 e non pode volver abrir ata as dez da mañá. E no outro desta rúa estaba a funcionar un equipo de reprodución musical cando non ten autorización. O establecemento da Rúa Xosé Castiñeira tamén foi denunciado por incumprir o horario, xa que foi inspeccionado ás 5.15 horas cando debería pechar ás 3.30 horas.