O PSOE gaña na capital lucense por só 21 votos a un PP que recupera forza

Os populares quedaron moi preto do sorpasso aos socialistas, que sufriron un retroceso respecto ao mes de abril. Vox sitúase como cuarta forza, por diante do BNG
Lugo provincia y ciudad
photo_camera Resultados en Lugo cidade e en toda a provincia.

Os socialistas retiveron este domingo, con 17.118 votos, a maioría na cidade de Lugo, pero reduciron sensiblemente a súa vantaxe. O PSOE resentiuse da repetición electoral e non puido aproveitar sequera o tirón de ter a alcaldía da cidade, de modo que só moi a duras penas aguantou como primeira forza política, cunha vantaxe de 21 votos sobre o Partido Popular. Tampouco estar no goberno lle serviu para despegar ao BNG, que quedou incluso por baixo de Vox en votos.

Consulta aquí os resultados, mesa a mesa, na cidade de Lugo

O PP recupera, en tanto, forzas na cidade, onde conseguiu ameazar a posición de liderado dos socialistas. No repunte, a lista encabezada por Jaime de Olano probablemente beneficiouse do esborralle de Ciudadanos, que perdeu máis de cinco mil sufraxios e reproduciu o desastre sufrido a nivel nacional. 

Lugo capitalO PP, que conseguiu o 32,90 por cento dos votos emitidos en Lugo, despegou sobre todo en termos porcentuais, xa que en abril quedouse no 25,87 por cento dos votos. Entón, ademais, quedou lonxe dun PSOE que este domingo reduciu moito a súa vantaxe e quedou co 32,94 dos apoios, unha caída significativa respecto ao 34,29 que conseguira o pasado mes de abril. 

O PP, con todo, quedou moi lonxe da marca de 21.737 votos que lograra sumar nas eleccións de 2016. Este domingo sumou 17.097. 

Ademais dun reequilibrio de forzas, as urnas deixaron probas en Lugo do cansazo dos cidadáns ante a situación política, un hastío que se traduciu nunha caída da participación. Se en abril acudiron a votar o 74,01 dos cidadáns, este domingo só o fixeron o 66,70 por cento dos chamados ás urnas. 

Máis aló de PP e PSOE, o resto de forzas volveron ter en Lugo un papel practicamente residual, moi lonxe de poder aspirar a ter representación. 

Como terceira forza volveu situarse En Común Unidas Podemos, que sumou 5.712 votos pero perdeu apoios respecto das eleccións de abril, cando sumara o 12,03 por cento dos apoios, fronte ao 10,99 do domingo.

Con 4.527 papeletas, Vox colocouse como cuarta forza máis votada na capital. En contraste co ocorrido a nivel nacional, o crecemento do partido de Santiago Abascal non foi moi alto respecto ao pasado abril, cando rexistrara 3.865 votos. No entanto, creceu e volveu deixar atrás a un partido con representación institucional como é o BNG. 

Os nacionalistas repetiron un mal resultado, iso a pesar de que creceron de forma moi relevante, xa que pasaron de 2.536 votos en abril a 4.083 apoios este domingo, un 7,86% do total. 

Unha caída en picado sufriu Ciudadanos, que en abril conseguira 7.286 votos na capital e nesta convocatoria quedou en 2.112, tan só o 4,06% dos emitidos.

A división aínda dana o PP 
Os partidos sentarán xa a ler en detalle os resultados deste domingo para sacar conclusións que orienten a acción política dos próximos meses, condicionada pola convocatoria de autonómicas de 2020. En Lugo, a primeira conclusión evidente é que a dereita aínda se resente da división do voto, ao ir apoios substanciais dos votantes desa orientación ideolóxica a Vox e, agora en menor medida, a Cidadáns. Con todo, os números proban que o PP colle aire de novo en Lugo. 

As ameazas do PSOE 
Outra lectura moi evidente é que o PSOE empezou a pagar a factura dos problemas que se otean no horizonte, desde a desaceleración económica á crise industrial ou a inestabilidade política. De modo que a situación do partido fraquea nesa circunstancia e os socialistas precisan transmitir estabilidade.

A longa carreira do BNG 
O BNG, un partido de goberno en Lugo, crece, pero está lonxe aínda de poder tratar de ti a ti aos grandes partidos.

Comentarios