O CPR Cervantes representará a Galicia nun foro mundial sobre cambio climático

A conselleira Ángeles Vázquez acudiu ao centro lucense para felicitar persoalmente aos novos alumnos

Galicia estará representada na próxima edición do Campus Mundial sobre Cambio Climático, que se celebrará en San Costa Rica en abril de 2019, grazas a un proxecto escolar desenvolvido polos alumnos do lucense CPR Plurilingüe Cervantes.

A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, visitou na mañá deste venres as instalacións deste centro de educación Infantil e Primaria para comunicarlle ao equipo directivo do colexio e aos propios interesados que o seu departamento colaborará economicamente para sufragar os gastos da viaxe de catro alumnos participantes nesa iniciativa.

O proxecto elaborado por este colexio lucense consistiu na elaboración dun vídeo no que, de forma amena, sinxela e directa, os alumnos do CPR Cervantes tratan de concienciar á sociedade sobre a importancia de coidar o planeta, mediante unha posición activa que se traduza en medidas para mitigar o cambio climático.

Ángeles Vázquez felicitou aos alumnos polo traballo que realizaron e polo "esforzo" que fixeron na presentación deste proxecto de educación ambiental, que "deixou sorprendidos aos participantes" no campus celebrado en setembro deste ano na localidade portuguesa de Aveiro.

De feito, recordou que o CPR Cervantes foi "o único centro de Primaria" que participou nese foro internacional, cunha iniciativa que foi o xerme da "nova experiencia" que vivirán os alumnos deste colexio coa participación no Campus Mundial. 

Comentarios