Protestas veciñais porque non hai colectores para repoñer

O Concello confirma que non se cambian os rotos e só unha persoa repara os estragados
2020052818262488091
photo_camera Colectores en Recatelo. EP

As protestas veciñais polo estado en que se atopan os colectores de Lugo incrementáronse notablemente, tanto polo feito de que non se repoñen desde hai tempo os que se retiraron por arder ou por outros motivos como o mal estado que presentan moitos dos que están en servizo.

Esas queixas foron a máis coa chegada da pandemia do Covid-19 e as recomendacións de evitar tocar no posible determinadas superficies, mentres que os sistemas de apertura con pedal de moitos dos colectores da cidade non funcionan.

O Concello confirmou este mércores a este diario que, ao estar caducado o contrato con Urbaser, a empresa adxudicataria, hai xa tempo que non hai dispoñibles colectores para repoñer, posto que se superou o número fixado no contrato. A idea, segundo a área de medio ambiente, é que cando se adxudique o novo contrato se cambien todos e incluso se amplíen os 2.497 que hai nestes momentos na área urbana (máis de 4.000 se se suma a zona rural).

Mentres, en barrios como Recatelo, segundo denunciaron varios dos seus comerciantes e hostaleiros, atópanse con que un dos dous depósitos de orgánicos que había ardeu hai xa meses e non se repuxo, e o único que queda está roto, polo que rezuma un líquido pestilente cara á rúa.

A empresa Urbaser, informou o Concello, dispón dunha persoa dedicada a reparacións destes colectores. Realiza, segundo os datos facilitados, unhas 1.500 ao ano, cunha media de cinco ao día. Pero as medidas obrigadas polo Covid-19 tamén dificultan o seu labor, porque hai que desinfectar o depósito antes de que poida proceder á súa reparación. En todo caso, o Concello pide aos veciños que informen de calquera problema a través do 010.

Comentarios