Propósitos con sentido

Héctor Castiñeira, Aldara Meilán, José Antonio Alonso Liste, Melania Cruz, Carmela Cela e Lucía Pérez teñen por diante un ano cheo de tareas e proxectos 
 
José AntonioAlonso Liste, Melania Cruz, Lucía Pérez, Aldara Meilán, Carmela Cela e Héctor Castiñeira
photo_camera José AntonioAlonso Liste, Melania Cruz, Lucía Pérez, Aldara Meilán, Carmela Cela e Héctor Castiñeira

O inicio do ano é tempo de proxectos e de retos. Seis lucenses explican os seus, tan diversos como coherentes. Todos requiren esforzo, pero teñen sentido e a forza da razón non hai quen a pare.

Aqueles clásicos de comer mellor, ir ao ximnasio, deixar de fumar ou estudar inglés quedaron obsoletos. Hoxe a ninguén se lle escapa que os propósitos de comezo de ano só teñen sentido se non nos van afundir na miseria en decembro, cando hai que darlle contas á conciencia do traballo feito e, o que é peor, do que quedou por facer.

José Antonio Alonso Liste, Melania Cruz, Lucía Pérez, Aldara Meilán, Carmela Cela e Héctor Castiñeira non perden o tempo con castelos no aire. Os seus propósitos son concretos e cada un xa ten trazado o seu plan para conseguilos. 

Retos deportivos, proxectos laborais, marcar prioridades na axenda, menos tempo coas pantallas e máis coa familia, cos libros... e compromisos para mellorar o mundo, que van desde comprar só produtos de proximidade ata facer do lugar de traballo un espazo sostible.

Estes seis lucenses inician o ano cargados de ilusión, a forza que move o mundo.


José Antonio Alonso Liste, piloto:

"Teño un proxecto de fórmula 3 co CIFP As Mercedes"

José Antonio Alonso Liste

José Antonio Alonso Liste, piloto lucense especialista en automobilismo de montaña, ten moi boas vibracións para o ano que empeza, que se presenta para el cheo de retos que requerirán esforzo e seguro que lle darán traballo, pero espera que tamén desemboquen en moitas satisfaccións.

No ámbito da competición automobilística, explica que o seu propósito no ano 2024 será manter a liña de éxito do 2023 e "loitar de novo polos primeiros postos no campionato de Europa de automobilismo de montaña". 

Na tempada anterior, Alonso Liste rematou no terceiro posto da súa categoría, un resultado moi salientable porque tivo que competir cos mellores pilotos a nivel europeo. Esta fazaña fíxoo merecedor dun dos premios ao deporte lucense que outorga El Progreso, na categoría de automobilismo. 

Ao volante dun Ginetta, o piloto lucense foi progresando ata acadar a regularidade que lle permite manterse na elite dunha disciplina deportiva moi esixente. Pero esa progresión en Europa non o alonxou da súa terra, pois ademais de participar no campionato europeo, tamén estivo presente en probas provinciais, como as clásicas subidas de Chantada e A Pontenova.

José Antonio Alonso Liste participa habitualmente en proxectos formativos cos profesores e alumnos do CIFP As Mercedes, de Lugo. Neste ámbito tamén se propón un reto para o 2024. "Estamos desenvolvendo un proxecto de formula 3 xunto co CIFP As Mercedes que espero que sexa un éxito".

Melania Cruz, actriz

"Que todo o que consumo sexa produto de proximidade"

Melania Cruz

Melania Cruz afronta un 2024 con interesantes proxectos profesionais, pero os propósitos que se marca para os vindeiros doce meses céntranse no ámbito persoal.

O tempo, ese ben tan escaso, é un dos seus principais anhelos. Quere máis vagar "para gozar da familia e das amizades, para pasear ao aire libre e para ler máis". Bota en falta eses praceres persoais e intransferibles que tanto se desfrutan.

Entende que as présas impostas polo ritmo de vida actual impiden ás veces reparar nos detalles. Os xestos cotiáns importan e Melania Cruz tamén quere incidir niso no ano que comeza. 

O seu propósito é "prestar máis atención para que todos os produtos que consuma sexan de proximidade". Dese xeito, quere evitar a compra de artigos "que proveñan de multinacionais que se lucran coa explotación de persoas e subvencionando conflitos bélicos como os que se están a vivir en Sudán ou Palestina, que acaban coas vidas, ilusións e esperanzas de tanta xente".

Lucía Pérez, cantante

"Haberá novas músicas, xira por Europa e algo na tele"

Lucía Pérez

Lucía Pérez non para nunca e este ano non vai ser a excepción. Acaba de sacar un novo tema, Guerrera e posiblemente o 2024 lle traia un novo disco. "Xa levamos varios sinxelos e é posible que os xuntemos nun disco. Aínda que a tendencia sexa sacar temas soltos, algún disco de vez en cando tamén hai que facer", explica a cantante do Incio.

Nos vindeiros meses ten por diante varios concertos por Europa. Xa ten pechadas datas en Holanda e Suíza e algunha outra pendente. Apunta que a súa participación en Eurovisión lle abriu portas noutros países "e aínda que xa pasaron anos séguenme chamando". En Galicia tamén haberá ocasión de escoitar a Lucía Pérez, pois "haberá xira de verán".

A cantante non deixa de lado a súa faceta televisiva e avanza que algún proxecto tamén hai para a pequena pantalla, aínda que non pode dar detalles de momento.

Lucía Pérez quere, por enriba de todo, "seguir facendo no 2024 o mesmo que ata o de agora, que é o que me gusta", unha aposta decidida por manter a música na súa vida.

Aldara Meilán, atleta

"Me iré a Madrid a estudiar y a entrenar en alto rendimiento"

Aldara Meilán

Aldara Meilán, atleta lucense especialista en marcha, afronta un tempo de cambios significativos neste ano 2024, tanto a nivel académico como deportivo.

Explica que "va a ser un año de cambios, ya que en principio me iré a Madrid a estudiar y a entrenar al centro de alto rendimiento". A ansiada independencia dos rapaces a esta idade vai acompañada no caso de Aldara Meilán de moita responsabilidade, pois sabe que deberá esforzarse moito para seguir compaxinando estudos e adestramentos.

No ámbito deportivo, ten claro que non quere baixar o ritmo da marcha. "Espero que las lesiones me respeten y poder seguir entrenando al nivel al que estoy y disfrutando de todas las experiencias que me trae este deporte", comenta Aldara Meilán, con determinación e firmeza nos seus propósitos.

Carmela Cela, bioquímica

"Quero facer do centro Severo Ochoa un lugar máis sostible"

Carmela Cela

Carmela Cela, bioquímica natural de Triacastela e investigadora predoutoral do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa de Madrid, non perde a oportunidade de avanzar. Non se lle escapa un ano sen un bo propósito.

Para o 2024 ten un reto moi concreto. "O meu desafío para o ano 2024 é contribuír a facer do Centro de Bioloxía Molecular Severo Ochoa, onde traballo, un lugar máis sostible. Xunto con outras compañeiras, acabamos de poñer en marcha un proxecto cuxo obxectivo é reducir o noso impacto ambiental no entorno de traballo", explica.

Esta bioquímica considera que os organismos públicos deben asumir a responsabilidade de impulsar actuacións en beneficio da sociedade. "Como centro de investigación público, é a nosa responsabilidade liderar iniciativas que promovan prácticas máis sostibles e respectuosas co medio ambiente e esta será a nosa forma de facelo".

Carmela Cela desexa "un 2024 cheo de ciencia e sostibilidade".

Héctor Castiñeira, enfermeiro e escritor

"Teño que marcar prioridades e tempos para o mundo dixital"

Héctor Castiñeira, enfermera saturada

Héctor Castiñeira non é home de parar moito e enfila o ano novo con múltiples propósitos que lle van dar que facer, tanto a nivel persoal como profesional. 

O primeiro reto que se marca é "establecer prioridades", un obxectivo sempre complicado. Di que quere "poñer orde nesa lista que todos temos co que é máis e menos importante na nosa vida". Para abordar esta tarefa ten presente que é necesario "facer traballo de introspección, e o que estea fora desa lista, abordalo con tranquilidade".

Héctor Castiñeira, coñecido nas redes sociais co nome de Enfermera Saturada, tamén quere poñer límites nesta faceta da súa actividade. Afirma que o 2024 "ten que ser o ano de establecer tempos para o mundo dixital. Dinme conta de que paso demasiado tempo mirando o móvil e as pantallas".

Con máis de 400.000 seguidores en Instagram, 365.000 en Facebook e 200.000 en X, este divulgador lucense non o vai ter doado para desligarse das pantallas, aínda que o propósito é comprensible e moi saudable.

Tal vez o tempo que aforre no mundo dixital lle axude a afrontar outros proxectos máis tanxibles. Héctor Castiñeira avanza que este ano "sacarei un novo libro, pero non de humor, senón un manual profesional para estudantes e compañeiros en activo".

Comentarios