A web elprogreso.es emitirá esta noite o debate entre os seis principais partidos

Dividirase en catro bloques, que se poderán ver por separado: urbanismo, política social, organización municipal e turismo e cultura

Antonio Ameijide, Álvaro Santos, Xosé Chorén, Rubén Arroxo, Olga Louzao y Carlos Portomeñe. EP
photo_camera Antonio Ameijide, Álvaro Santos, Xosé Chorén, Rubén Arroxo, Olga Louzao e Carlos Portomeñe. EP

Despois do cara a cara, o debate a seis. El Progreso gravará esta tarde un segundo debate no que participarán os seis partidos con representación no Concello de Lugo, no mesmo formato que o do mércores pasado, é dicir, catro bloques duns 15 ou 20 minutos, que a partir desta noite poderanse visualizar por separado ou todos xuntos en www.elprogreso.es.

Neste debate a seis os dous partidos con maior representación, PP e PSOE renunciaron a enviar aos seus cabezas de lista, Ramón Carballo e Lara Méndez, os protagonistas do debate cara a cara da semana pasada. Deste xeito, os populares enviarán ao número tres da súa lista, Antonio Ameijide, mentres que os socialistas apostan polo seu número dous, Álvaro Santos. Mentres, polo resto de forzas si que comparecerán os cabezas de lista: Rubén Arroxo (BNG), Olga Louzao (Ciudadanos), Xosé Chorén (Lugonovo) e Carlos Portomeñe (Ace).

Os bloques son análogos aos do cara a cara. Primeiro, urbanismo (peonalización, modelo de cidade, Pepri, Garañón e fondos europeos). Segundo, política social (muller, desfavorecidos, financiamento e sustentabilidade). Terceiro, organización municipal (relación de postos de traballo do Concello, Policía Local, Ora e autobuses). O cuarto e último virará en torno ao turismo e a cultura (promoción da cidade, novo auditorio e limpeza).

Os clips para internet gravaranse nas instalacións de Forus, nun estudo instalado especialmente para gravacións de vídeo de internet e streaming, que El Progreso utiliza habitualmente en programas deportivos como De bote en bote e Por la escuadra. O cara a cara do pasado mércores foi o primeiro que se celebraba entre dous candidatos á alcaldía de Lugo e ademais utilizouse un sistema de separación temática en catro bloques tamén inédito. O debate de hoxe será unha experiencia similar.

Os partidos chegan a este debate despois de que se coñecesen os resultados da enquisa realizada por Infortécnica para El Progreso, que debuxa un panorama no que o PSOE podería superar ao PP na capital e estaría en disposición de manter a alcaldía buscando pactos tanto á súa dereita como a súa esquerda. No entanto, tamén se sinalan certas tendencias que poderían facer que no que resta de campaña se poida producir algunha variante que podería provocar sorpresas, polo que este debate podería ser clave para as aspiracións dalgún candidato.

Comentarios