El Progreso celebra este venres unha gala para recoñecer aos Lucenses do Ano

Hai doce galardoados nos distintos ámbitos sociais e económicos, aínda que o premio de honra será para os servizos sanitarios pola súa actuación durante a pandemia de covid-19

El Progreso recupera este venres a gala dos Lucenses do Ano 2020, tras unha década e media sen celebrarse e cun ano de atraso por culpa da pandemia, como homenaxe ás persoas máis destacadas e como recoñecemento á sociedade lucense. O premio de honra será para os servizos sanitarios e recollerao unha representación lucense encabezada polo xerente do Hula, Ramón Ares.

O resto de galardoados, segundo os diferentes sectores e ámbitos, serán Sonia Villapol (ciencia), Diego Anido (arte), Olga Novo (letras), Carmen Lence (empresa), Guido Álvarez (turismo), Rubén Blanco (empresa e deporte), Abraham Cupeiro (música), Jorge e Pepe Coira (cine), Antón Sanjurjo e Teresa Astorgano, de Traxandaina (etnografía) e Mariluz Abella (solidariedade).

SEGUIMENTO. O acto celébrase na noite deste venres nos salóns do Eurostars Gran Hotel Lugo, a partir das oito da tarde, presentado por Sabela Corbelle, xornalista de El Progreso, e Paco Rivera, condutor das anteriores edicións dos prestixiosos premios.

A gala, con invitación por culpa da pandemia, poderá ser seguida a través dunha retransmisión de streaming na páxina web de El Progreso, que tanto na edición dixital como na edición impresa do sábado día 20 recollerá os momentos máis destacados do acto.

Ademais, o mesmo venres repartirase coa edición diaria do xornal un suplemento especial dedicado aos protagonistas deste ano.

Entre eles, a neurocientífica da Pastoriza Sonia Villapol, que investiga e divulga os avances sobre o tratamento do coronavirus desde o Texas Medical Center de Houston; Diego Anido, coñecido no mundo artístico como DiegoAS e que recibiu o recoñecemento internacional polo Xullo César que pintou na Ronda; os irmáns de Rábade Jorge e Pepe Coira, autores de éxitos como Hierro; Guido Álvarez, máis coñecido como Guido Guía, un monitor cultural que mostra aos turistas e aos propios lucenses o Lugo coñecido e o que non o é tanto; a herdeira do Grupo Lence, Carmen Lence, que conseguiu non só manter senón modernizar e ampliar a empresa que lle legou o seu pai ata converterse nunha das empresarias de referencia nacional do sector; Mariluz Abella, mestra e inspectora de Educación que guía a Asociación contra o Cancro para dar o máximo apoio a enfermos e familiares, ou Olga Novo, a escritora que recibiu o Premio Nacional de Poesía 2020.

Con estes premios, cuxo orixe se remonta aos anos 60 do pasado século e que posteriormente se mantiveron ata 2007, tras outro longo paréntese, preténdese pór en valor e dar visibilidade ao traballo de quen contribúen a facer un Lugo e unha sociedade mellores desde distintos ámbitos.

Comentarios