Un programa de saúde mental atende en residencias a uns 2.000 pacientes

Os conselleiros de Sanidade e Política Social presentaron a iniciativa, que comezou ante a "avalancha" de trastornos tras a pandemia
Visita de los conselleiros a los usuarios de Aspnais, este viernes. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Visita dos conselleiros aos usuarios de Aspnais, este venres. VICTORIA RODRÍGUEZ

A pandemia resentiu a saúde mental de gran parte da poboación, moi especialmente dos máis vulnerables, como os residentes en centros xeriátricos ou para persoas con discapacidade. Para atender no lugar no que viven a eses pacientes sociosanitarios con algún trastorno mental as consellerías de Sanidade e Política Social puxeron en marcha en 2020 un programa específico, que agora mesmo dá cobertura a unhas 2.000 persoas que viven en 33 residencias de toda a provincia e que se presentou onte nunha delas, a de Aspnais.

"Hai unha avalancha de patoloxía psiquiátrica", recoñeceu o psiquiatra do Hula Víctor Rodríguez, responsable do programa en Lugo, que recordou que os trastornos mentais entre as persoas que viven en residencias teñen unha prevalencia catro veces superior á da poboación xeral.

En concreto, no caso dos maiores, moitos son trastornos de conduta ligados á demencia, ademais de depresión e ansiedade, aos que contribuíron as restricións de visitas ou de asistentes a funerais, que non facilitaron a resolución do duelo. Segundo recordou o titular de Sanidade, Xullo García Comesaña, no caso de persoas con discapacidade poden estar ás veces relacionados con esa circunstancia, como no dano cerebral adquirido.

"Grazas a este programa os pacientes poden, sen saír da súa residencia, recibir unha atención sanitaria completa en materia de saúde mental con revisión da historía clínica; a avaliación psicopatolóxica dos usuarios; as consultas e coordinación co xestor de casos da residencia; a solicitude das probas complementarias necesarias; o deseño dun plan terapéutico individualizado; a supervisión e monitorización da evolución clínica; así como a valoración e monitorización da súa evolución clínica", recordou.

O doutor Rodríguez explicou que este programa permite reducir reingresos e visitas a Urxencias, algo que beneficia a calquera paciente pero especialmente a un vulnerable como o sociosanitario, para quen pode contribuír ademais á descompensación doutras patoloxías.

García Comesaña recordou que este programa foi dotado con 19 das 240 prazas que se crearán grazas ao Plan de Saúde Mental postcovid, o que implica un investimento dun millón de euros ao ano. Para o conxunto de Galicia habilitáronse 9 de psiquiatras, 1 de psicoloxía clínica, 1 de traballador social e 8 de enfermería; das que, en concreto, en Lugo son 2 de psiquiatras, xa cubertas, e 2 de enfermería das que só unha está cuberta por falta de profesionais especializadas en saúde mental en paro.

A conselleira de Política Social, Fabiola García, avanzou que cada vez se incrementará máis a atención conxunta con Sanidade das necesidades de persoas que viven en residencias.

Comentarios