
O Concello de Lugo fixo despois do Nadal unha proba PCR a todos os profesores da escola municipal de música. O test fíxose por seguridade e todos os docentes deron negativo.
A edil de cultura, Maite Ferreiro, dixo que as probas PCR na escola é unha das medidas que se están tomando para que o centro siga funcionando co mínimo risco durante a pandemia.
Despois de que o PP criticase a falta de material de protección na escola de música, Ferreiro defendeu que se adoptan medidas de seguridade e que, por exemplo, as aulas están dotadas de xel hidroalcohólico e tómanse as medidas pertinentes de ventilación.
A edil destacou que o curso se retoma con certa tranquilidade, porque afortunadamente todos os profesores deron negativo en coronavirus. Vixiarase a posibilidade de calquera brote, pero as clases pódense reiniciar coa tranquilidade de que todas as probas foron negativas, dixo.
Ferreiro agradeceu, á vez, o compromiso e implicación tanto do persoal docente como do alumnado e asegurou que "sabemos que todo o mundo está a tomar as máximas precaucións". Nos próximos días reporase material de protección, agregou.
A responsable de cultura recordou tamén que seguen, con total "normalidade" as probas para elixir o director da banda de música, que asumirá igualmente a dirección da escola de música.