Unha produtividade do 113% fronte ao 0% de De Lara no mesmo xulgado

O CGPJ recorda que o xulgado contou tres anos con xuíces de apoio para que ela se dedicase só aos macrosumarios

Pilar de Lara. PEPE TEJERO
photo_camera Pilar de Lara. PEPE TEJERO

Unha das principais queixas sostidas por Pilar de Lara nestes anos, e que figura como a principal alegación no expediente sancionador, é a falta de medios persoais e materiais que sufriu durante todo este tempo.

Os instrutores do informe do CGPJ detéñense de xeito moi detallado neste asunto. Ademais de explicar que a desatención ao xulgado da que se lle acusa non ten que ver con esa suposta falta de medios, senón co abandono de funcións que son potestade en exclusiva da xuíza, recórdalle que precisamente por esa carga de traballo o propio CGPJ propuxo como medida que contase cun xuíz de apoio que se encargase de todos os asuntos ordinarios para que ela se centrase nos macrosumarios. Así, o xogado contou cunha xuíza de apoio un ano e, logo desta, con outro durante o ano e medio seguinte.

"Chama a atención", di o CGPJ, que ese xuíz "alcanzou con eses mesmos medios persoais e materiais uns rendementos profesionais notables e sobresalientes". Respecto diso, detalla os rendementos cos que Pilar de Lara finalizou os seus exercicios: 52,4% en 2013; 1,6% en 2014; 45,4% en 2015; 0,0% en 2016, e 53% en 2017.

Pola contra, o rendemento da xuíza substituta nese mesmo xulgado e cos mesmos medios foi do 103% en 2013 e do 129,7% en 2014. Pola súa banda, o xuíz de apoio acreditou un rendemento do 128,3% en 2015; 113,2 en 2016 e un 95,4% no medio ano do 2017.

Esta produtividade, remarca o CGPJ, conseguiuse no mesmo xulgado e cos mesmos medios dos que ela, que só estaba centrada na macrocausas, dispuña, e que foron reforzados varias veces.

Atribuíu ao secretario "graves irregularidades"
Unha das alegacións de Pilar de Lara ante o CGPJ parece que se volveu na súa contra. Segundo figura no expediente, "foi a propia maxistrada a que puxo en cuestión o rendemento de determinados profesionais, especialmente o do letrado da administración de Xustiza de reforzo (antes chamado secretario xudicial), ao que atribuíu a comisión de graves irregularidades".

Deuse conta despois
Respecto diso, o CGPJ repróchalle que nin sequera ela fose capaz de detectalas ata despois de que cesase o secretario e que non dese conta das mesmas para abrir un expediente disciplinario.

Comentarios