A prisión un camelo que usaba a pensión da Tinería na que se aloxaba para vender heroína

Os axentes aprehendéronlle 120 doses de heroína e 20 gramos de marihuana

Un hóspede dunha pensión da Tinería foi detido porque presuntamente se dedicaba a vender heroína na habitación na que se aloxaba. Este camelo, de 49 anos, ingresou este venres en prisión, tras prestar declaración no xulgado de instrución número 1 de Lugo.

Axentes do grupo de drogas da Policía Nacional levaban a cabo este arresto o pasado mércores. No rexistro domiciliario que realizaron aprehendéronlle 120 dose de heroína, 20 gramos de marihuana, útiles para a manipulación da droga e 135 euros en metálico.

A Policía Nacional desarticulou o pasado luns outro punto negro de venda de droga na capital lucense, no barrio da Milagrosa, dentro do seu plan de resposta ao consumo e tráfico polo miúdo de drogas.

Este camelo, de 56 anos, que era coñecido nos lúgubres ambientes da droga, sobre todo na zona norte da cidade, xa fora detido recentemente por uns feitos similares. Este individuo quedou en liberdade con cargos.

QUEIXAS VECIÑAIS. Presuntamente utilizaba a súa vivenda como punto de venda de distintas sustancias estupefacientes, especialmente heroína, polo que se producía unha afluencia de toxicómanos, que establecían breves e rápidos contactos, nos que se producía un intercambio de droga e diñeiro, o que estaba a provocar queixas veciñais.

Este camelo tomaba moitas precaucións á hora de moverse, segundo informou a Policía Nacional, que deseñou un dispositivo de seguridade especial, que culminou coa súa detención cando transitaba por unha rúa do barrio.

Os dous detidos son reincidentes. Xa contan con antecedentes penais por delitos contra a saúde pública.