O principio vital de aspirar sempre ao máximo

Estrela García obtivo un premio extraordinario de Belas Artes

Estrela García. VICTORIA RODRÍGUEZ
photo_camera Estrela García. VITORIA RODRÍGUEZ

LUGO. Non resulta difícil imaxinar, ao falar con ela, por que Estrela García García, veciña do parque Rosalía de Castro aínda que este ano fincada en Santander, logrou un dos tres premios extraordinarios do Grao de Belas Artes da Universidade de Salamanca. Concédense un por cada 50 alumnos e ela non recorre á falsa modestia para recoñecer que unha media de 9.17 na carreira e un 10 no traballo de fin de grao só teñen unha explicación. Dous, en realidade: traballo constante e a aspiración "ao máximo" como principio vital. "Unha carreira é un maratón, traballar constantemente e intentar render o máximo. Creo que aspirar ao máximo debe ser unha premisa para calquera cousa na vida", afirma.

Ten 23 anos e moita confianza na capacidade de poder cambiar cousas. Cre que o patrimonio rupestre galego está pouco valorado e que é así porque é pouco coñecido, polo que quere pór o seu granito de area para mellorar esa situación. Conseguiu que a súa facultade incluíse nos traballos de fin de carreira unha área temática máis para poder facer o seu sobre os petróglifos galegos, un proxecto que non só lle serviu para constatar a existencia de gravados coa mesma morfología en varias partes do mundo e a protección moito maior que teñen moitos deles, senón para empezar a traballar nun dos seus obxectivos: que os petróglifos galegos cheguen a ser declarados Patrimonio da Humanidade. Aspirar ao máximo, chámase.

Fixo o traballo de fin de grao sobre os petróglifos galegos, que lle gustaría ver recoñecidos como Patrimonio Mundial

Gústalle a arte rupestre polo que significa -"son as primeiras expresións artísticas das culturas que nos precederon", destaca- e quere dedicar a súa vida profesional a eles porque ademais de valiosos son "moi fráxiles". "Agora vemos Notre Dame, pero todos os anos hai incendios e tractores que se cargan petróglifos", lamenta.

Labrarse un futuro laboral na área das artes -como en moitas outras, en realidade- nos tempos que corren parece un reto case ao nivel de alcanzar o recoñecemento de Ben Mundial para os petróglifos, pero Estrela non se engurra. De novo mostra firmeza no seu plan. Este ano cursa un máster de Patrimonio en Santander -agora realiza prácticas de administración e atención ao público en Altamira- e o próximo ano prevé iniciar o doutoramento na Universidade de Santiago. "Imaxínome que o futuro será a docencia, pero quero seguir investigando sobre o patrimonio arqueolóxico galego", conta.

Lonxe do que poida parecer, Estrela non vive nas bibliotecas porque os seus intereses son variados. Ten o grao profesional de violín e, aínda que a súa especialidade artística é a escultura, non despreza ningunha rama. Gústanlle, por exemplo, o debuxo e a fotografía e os seus traballos xa se puideron ver en Lugo, Salamanca e Alemaña, onde fixo un Erasmus. Sabe aproveitar o tempo. Será porque, como di a súa orgullosa avoa, "nunca foi a un botellón. é moi responsable", presume.