O Primo de Banksy leva por primeira vez a súa obra fóra de Galicia, a Xixón

O artista fincado en Lugo inspirouse en Copérnico para lanzar a mensaxe crítica de que a terra vira en torno ao diñeiro, non ao sol

photo_camera La última obra del Primo de Banksy, en Gijón. EP

O Primo de Banksy, artista urbano anónimo que está fincado en Lugo, segue adiante coas creacións coas que pretende espertar o sentido crítico da sociedade. Agora, por primeira vez, a súa obra traspasou as fronteiras de Galicia. Tras pintar en muros públicos e privados da capital lucense, Ferrol, A Coruña e Santiago, nesta ocasión elixiu a veciña Xixón.

A mensaxe do seu último grafiti é que Copérnico equivocouse. O mundo vira ao redor ao diñeiro. Ofrece así unha interpretación satírica da teoría do matemático e astrónomo polaco do Renacemento, de que a terra orbita ao redor do sol.

Este artista anónimo puxo en marcha esta peculiar iniciativa hai máis dun ano. Desde entón xa leva pintadas máis dunha decena de obras.

Desde aquela ópera prima, na que simbolizaba a aplicación da artigo 155 da Constitución co expresidente Mariano Rajoy montado nun burro que representaba a Cataluña, o Primo de Banksy mostrou a súa particular visión sobre a exhumación de Franco ou o feminismo. Tamén tributou homenaxes a Castelao, Rosalía de Castro ou o Quixote de Cervantes.

REIVINDICATIVO. Nunha entrevista concedida o mes pasado a este diario, este grafiteiro, que recoñecía que tiña unha formación académica, da que dicía que se desfixo, aseguraba que "seguirei mentres crea que teño algo que dicir, ou mentres que os muros sigan aí, de pé, esperando as nosas pegadas".

O Primo de Banksy, que reivindica unha arte "para a xente, na rúa, gratuíta...", adoita utilizar dúas técnicas, por unha banda, o papel pegado con cola (paste up) e, por outra banda, aplicar aerosois sobre un plantel.

Comentarios