As primeiras alumnas no Seminario en 500 anos

En setembro converterase nun colexio con ensino mixto con ESO, Bacharelato e ciclos de FP
Actual Seminario, en Lugo. XESÚS PONTE
photo_camera Actual Seminario, en Lugo. XESÚS PONTE

elas serán as primeiras e o serán después de case 500 anos de existencia do Seminario en Lugo que, antes de ocupar as actuais instalacións da rúa Ángel López Pérez, a finais do século XIX, estivo no edificio onde están agora os Franciscanos, na Praza Maior, construído a finais do século XVI. As novas alumnas e alumnos compartirán aulas cos seminaristas, con vocación cara ao sacerdocio e que viven en comunidade no mesmo edificio.

O Seminario inicia unha etapa como colexio privado mixto en setembro para ESO, BAC e varios ciclos de FP sobre formación deportiva (en concreto, adestrador de baloncesto) e sociosanitaria.

Levará o nome de San Lorenzo, o mesmo que recibiu en 1598 cando as súas aulas estaban na Praza Maior, onde están os Franciscanos, o que o converte no centro educativo máis antigo da capital lucense e o segundo de Galicia, despois do Seminario de Mondoñedo.

Chamaríase San Lorenzo porque foi fundado polo bispo Lorenzo Asensio de Otaduy e Avendaño e sería un Seminario Conciliar porque foi o Concilio de Trento o que dispuxo a súa existencia como centro de preparación para o sacerdocio, tras obrigar aos bispos a fundar nas súas respectivas dioceses un centro para formar aos futuros curas. A pesar dos donativos, a obra custoulle ao bispo 7.000 ducados do seu peto, segundo un estudo realizado por Gonzalo Fraga.

O Seminario bota a andar con catro aulas e 36 bolseiros, elixidos por un tribunal que xulgaría os méritos e o cumprimento das condicións esixidas para ser sacerdote. Terían como uniforme un manto e unha bolsa de cor morada. Estarían dirixidos polo reitor, que tería de ración libra e media de carneiro castelán, un litro de viño, dous libras de pan e vea. Aos alumnos, dábaselles unha libra de carneiro, dous de pan e medio litro de viño para aqueles máis maiores. Se faltaban a misa ou á lección, quedaban sen comer. No inverno, a comida servíase ás once e a cea, ás seis. Os colexiais deberían levar, por outra banda, a súa propia cama ao Seminario.

Había clase a diario, menos os venres e os domingos. As saídas á rúa eran de dúas en dúas e sen permiso só podían ir á catedral, o palacio episcopal, os mosteiros de San Francisco e Santo Domingo ou a ver a familia. Tras cinco anos de formación, completaban os seus estudos ouvindo leccións dun cóengo na catedral ou nos mosteiros.Antigo Seminario Menor

Durante dous séculos, as súas aulas foron dedicadas exclusivamente á preparación para o sacerdocio e as instalacións estaban reservadas para o uso do clero. O primeiro paso aperturista ao resto da sociedade veu da man do bispo frei Francisco Armañá en 1779, que creou unha biblioteca pública para seminaristas, sacerdotes e laicos preocupados polas ciencias relixiosas.

TRASLADO. Un século despois, o edificio da Praza Maior comezou a quedar pequeno ante o alto número de vocacións sacerdotais. Como non había cara a onde ampliar, dado que a parte de atrás daba á muralla, pensouse en facer outro edificio na actual rúa Ángel López Pérez, decisión que tomou o bispo frei Gregorio Aguirre, que encargou a obra a un arquitecto de renome, Nemesio Cobreros. A construción comezou en 1888 e prolongaríase ata 1893. Custaría 223.000 pesetas. O curso comezou con 475 alumnos.

Este edificio pasaría a ser coñecido, 36 anos despois, como Seminario Maior. Enfronte, estaría, a partir de entón, o Seminario Menor, xusto enfronte, nun edificio adquirido aos Maristas polo bispo Rafael Balanzá que, orixinariamente, estendíase ata a rúa Bispo Aguirre e do que, desde hai pouco máis de dúas décadas, só consérvase unha parte, ocupada agora polo Concello.

Esta alta demanda polos estudos eclesiásticos freouse en seco mediada a década dos 70, o que levou incluso a que durante dez anos non se impartisen estes ensinos en Lugo, que pasarían a darse no Seminario Maior da Arquidiocese de Santiago. A tendencia cambiou en 1986 cando volve esta formación a Lugo.

Como centro educativo, o Seminario subirá outro chanzo máis en 1999 cando, a iniciativa do bispo frei José Gómez, afílianse os Estudos Eclesiásticos que se facían en Lugo á facultade de Teoloxía da Universidade Pontificia de Salamanca. Por mor diso, créase o Instituto Teolóxico Lucense, que imparte ensinos de Teoloxía con rango universitario.

Franciscanos: unha compra por 25.000 pesetas
O primeiro edificio do Seminario, na Praza Maior, foi comprado polos Franciscanos en 1893 por 25.000 pesetas despois de que —tras a desamortización de Mendizábal— o Concello quedase en 1842 co seu convento, que estaba nas actuais instalacións do Museo Provincial, na Praza da Soidade.

Teatro
O antigo convento acolleu unha casa de beneficencia, unha inclusa, unha maternidade e tamén un teatro.

comentarios