A primeira limpeza do novo auditorio custará máis de 15.000 euros

A alcaldesa ensinou o edificio aos edís do PP e explicoulles as xestións que o goberno local leva a cabo para abrilo, pero a oposición segue vendo inxustificables a demora na posta en funcionamento do centro cultural e que non haxa data aínda
Un momento de la visita del gobierno y ediles del PP al edificio. SEBAS SENANDE
photo_camera Un momento de la visita del gobierno y ediles del PP al edificio. SEBAS SENANDE

O Concello continúa cos preparativos para abrir o novo auditorio de Lugo, na Avenida de Magoi, e tramita a contratación da limpeza do edificio, a primeira tras a obra e as reparacións realizadas no último ano. Calcúlase que custará algo máis de 15.000 euros e que precisará dunhas 550 euros de traballo, segundo o contrato menor que prepara a administración.

A limpeza é unha das tarefas que hai pendentes para que o centro cultural poida abrir ao público, pero non o único. Neste momento están a recolocarse os extintores, xa que, desde que foron instalados, a normativa cambiou e agora deben ir a menor altura, como explicou este xoves a alcaldesa, Paula Alvarellos, a concelleiras do PP durante unha visita ao edificio.

O auditorio é moi amplo e ten só en cristais miles de metros que manter. SEBAS SENANDE
O auditorio é moi amplo e ten só en cristais miles de metros que manter. SEBAS SENANDE

A oposición levaba tempo pedindo ver o auditorio —o actual grupo municipal aínda non o fixo— e onte puido coñecelo xunto a Alvarellos, o concelleiro Pablo Permuy e o arquitecto externo que estivo ao cargo dos arranxos levados a cabo ao longo de todo o ano pasado. Alvarellos recordou que o Concello destinou 330.000 euros a reparar deficiencias relacionadas co deseño e de execución do edificio, que foi construído pola Xunta. A obra terminou en 2016 e desde 2020 está en mans do Concello, pero este atopouse con que tiña varias deficiencias, fundamentalmente relacionadas con entradas de auga.

A alcaldesa e o arquitecto explicaron aos populares o edificio e as intervencións realizadas nel, pero a oposición considerou "extemporáneas as explicacións" e que non xustifican que o auditorio siga pechado, opinou Ramón Cabarcos. Para a súa compañeira Silvia Colmenero é "un insulto e un desprezo absoluto do goberno local cara vos investimentos da Xunta en Lugo".

O executivo local rexeita pór prazo á posta en funcionamento do edificio, ante o temor de que poida xurdir algún novo imprevisto, pero insiste en que está a traballar en todos os aspectos necesarios para iso. Asegura que todas as instalacións do edificio están probadas e funcionan, aínda que é necesario facer unha proba simultánea de todas elas e facer algúns axustes de software no sistema de seguridade. Así mesmo, desde o área de Cultura está a revisarse o equipamento técnico.

Doutra banda, o goberno está a analizar o xeito en que será xestionado o edificio, xa que ten tres zonas que poden funcionar de forma independente. Por unha banda, sacará a contratación o servizo de cafetería e restaurante, que se espera que funcione diariamente. No outro extremo do edificio están as seis salas de usos múltiples, cuxo uso aínda non está definido. E na parte central están as dúas salas de espectáculos (de 300 e de 900 butacas). Todo este traballo está a facerse en coordinación coas áreas que xestiona o BNG, quen como responsable de Cultura farase cargo do edificio, recordou Alvarellos.

Comentarios