Presiona á excoidadora da súa muller para manter relacións e múltano

O home chamaba á vítima ata once veces diarias, esperábaa fronte ao seu domicilio para solicitarlle "contactos sexuais" e chegou a agarrala con forza para intentar darlle un bico

Un lucense que coaccionou á excoidadora da súa muller para manter relacións sexuais con ela, chegando a mostrarse violento, foi condenado a pagar unha multa de 720 euros e terá que indemnizar á vítima na cantidade de 1.800 euros, xa que a muller sufriu lesións e ademais tivo un trastorno de tensión postraumática por culpa do acoso ao que a someteu.

A sentenza recolle que o 8 de setembro de 2016, sobre as dúas e cuarto da tarde, o acusado acudiu á vivenda da denunciante, "á que coñecía por coidar antigamente á súa esposa", e solicitoulle "un contacto sexual". A muller negouse a manter calquera tipo de relación co acusado, pero o home non recibiu ben a negativa e agarrouna para intentar bicala.

Tras un pequeno forcexeo, a vítima logrou zafarse e chamou á Garda Civil para denunciar o que lle sucedeu.

A acusación pública explicou ademais que o acusado estivo durante un tempo "molestando e hostigando" á muller e chamándoa por teléfono "de forma insistente". En concreto, nos meses de outubro e novembro de 2016, chegou a realizarlle ata once chamadas ao día.

Igualmente, o acusado acudía con frecuencia ao domicilio da denunciante e pasaba "un tempo considerable" sentado no seu turismo fronte ao inmoble.

Como consecuencia desta situación, e do incidente do 8 de setembro, a muller sufriu diversas feridas nos antebrazos e nos xeonllos, así como un trastorno ansioso depresivo, do que tardou 180 días en recuperarse. Ademais, quedou como secuela un trastorno de tensión postraumática.

DÉBEDA. Durante a vista oral por este caso, celebrada no xulgado do Penal número 2 de Lugo, o home negou o relato da acusación e achegou unha versión moi diferente dos feitos. Segundo explicou, durante varios meses insistiu en quedar coa denunciante porque existía unha débeda económica entre ambos.

De feito, o día da denuncia, segundo contou, acudiu ao seu domicilio porque quería entregarlle 500 euros e foi el quen resultou golpeado. O xuíz, con todo, non creu a súa versión.

Tal e como sinala a sentenza, a manifestación do acusado "carece de calquera dato periférico que a avale, e pola contra, a denunciante achega un informe de asistencia médica que deriva nun informe forense, que conclúe que o resultado lesivo é compatible co relato fáctico que sinala".

Con este argumento, o maxistrado considera que o acusado é autor dun delito de lesións. Con todo, conclúe que non cometeu o delito de acoso do que o acusaba o fiscal, senón un delito de coaccións, "xa que existe proba cumprida que evidencia unha conduta persistente de achegamento por parte do recorrente".

O home foi condenado polo xuíz do Penal número 2 de Lugo a pagar unha multa de 360 euros polas lesións e outra multa da mesma contía polo acoso. O acusado recorreu a sentenza ante a Audiencia e mantivo a súa inocencia, pero o tribunal confirmou a condena.