Presenta o carné de conducir do seu irmán falecido tras un accidente en Lugo

O condutor, que non tiña carné, deu positivo en alcoholemia e tiña a ITV caducada
Un control policial en Lugo. ARCHIVO
photo_camera Un control policial en Lugo. ARQUIVO

Axentes da Policía Local de Lugo instrúen dilixencias por un suposto delito de usurpación de identidade, logo de comprobar que un condutor ebrio, que se viu implicado nun accidente de circulación na cidade, presentou o permiso de conducir do irmán, falecido en 2015, cando lle pediron a documentación, informaron este mércores fontes municipais.

Os feitos sucederon o pasado 18 de decembro, cando unha patrulla do Grupo Operativo Nocturno desprazouse á Avenida da Coruña como consecuencia dun accidente de circulación no que se viron implicados dous vehículos.

Un dos conductores deu positivo no control de alcoholemia, polo que foi denunciado por ese motivo, así como por ter a Inspección Técnica e o permiso de conducir caducado.

Con todo, o 31 de marzo deste ano, a Policía Local comprobou que este condutor, en realidade, identificouse co permiso de conducir do seu irmán, que falecera en 2015, porque el nunca chegara a sacarse o carné.

Foi denunciado por conducir ebrio, por ter a ITV caducada e por conducir sen carné, ademais de imputalo como investigado por un suposto delito de usurpación de identidade.

A Policía Local tamén avisou á Nacional para que comprobe se este home utilizou a documentación do seu irmán para outros trámites. 

Comentarios