Outra edición máis da FP Dual de Construción, cun total de doce prazas

A preinscrición en FP acaba o martes con dous ciclos novos en Lugo

Mantemento Aeromecánico, nas Mercedes, e Robótica, no Politécnico, estréanse en setembro con vinte e dúas prazas cada un
Colas de matrícula, en años pasados, en el CIFP Politécnico
photo_camera Colas de matrícula, en años pasados, en el CIFP Politécnico

A preinscrición para Formación Profesional terminará este martes, á unha da tarde. Este ano a novidade é que o trámite hai que facelo por internet e entregar a documentación no centro, salvo para os segundos cursos. 

Unha das titulacións con maior demanda en Lugo é o novo ciclo superior do CIFP As Mercedes, Mantemento Aeromecánico, cuxa parte práctica será impartida no aeródromo de Rozas. En total, ofreceranse vinte e dúas prazas. O primeiro curso do ciclo constará de trece materias, que serán: motor de émbolo, hélice e sistemas; sistemas da aeronave (I e II), sistemas eléctricos-electrónicos das aeronaves, lexislación e organización do mantemento, hidráulica e neumática, técnicas electromecánicas básicas para o mantemento, seguridade no mantemento de aeronaves, constitución e navegación das aeronaves, motor de reacción: sistemas e unidade de potencia auxiliar, materiais e estruturas das aeronaves, relacións na contorna de traballo e formación e orientación laboral.

As Mercedes prevé crear novos ciclos adaptados ao catálogo laboral das empresas que se instalarán en Rozas

A idea do centro é pór en marcha, de face ao curso 2017-2018, unha FP dual relacionada con esta titulación, de tres anos de duración e con prácticas remuneradas nas empresas que traballarán no parque de drones de Rozas, Indra e Inaer. "Está previsto que estas empresas collan subcontratas e que estas comecen a traballar xa antes de finais de ano. Nós poñerémonos en contacto con elas para que nos digan que perfiles de traballadores necesitan e, en base a iso, deseñaremos unha FP Dual", explica o director das Mercedes, Joaquín Expósito. 

O centro de FP tamén baralla a incorporación doutros ciclos, en próximos cursos, relacionados coa aeronáutica e incluídos no catálogo da LOE, como mecánico de motores de avión, avións de pistón e turbinas ou mecánico de pistón (para helicópteros), ademais do ciclo superior en Aviónica. 

POLITÉCNICO. O Politécnico ofrecerá o próximo curso o ciclo superior de Automatización e Robótica Industrial, con vinte e dúas prazas, onde se estudarán varias materias relacionadas coa electricidade, a electrónica e a montaxe de automatismos. "É un ciclo que ten bastante demanda. En cambio hai outros, como o de Edificación (antiga Delineación) que, coa crise da construción, está a ter unha matrícula baixa e, non obstante, tivo unha porcentaxe de colocación do 60 por cento", afirma o director do centro, Antonio Ibáñez.

Comentarios