A praza de abastos e o Concello de Lugo celebran o día do libro

Foron organizadas actividades para animar á lectura en sendas instalacións
Varios veciños, recollen libros no consistorio.EP
photo_camera Varios veciños, recollen libros no consistorio.EP

A praza de abastos e o Concello de Lugo abriron as súas portas á celebración do día do libro coa entrega de exemplares e actividades para fomentar a lectura.

No caso do consistorio, unhas 350 persoas achegáronse á casa consistorial para recibir un dos libros que agasallou a concellería de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua pcon motivo desta data. A concelleira Maite Ferreiro agradeceu á veciñanza a boa acollida que tivo esta iniciativa, e explicou que "temos como obxectivo fomentar a lectura entre as veciñas e veciños de Lugo".

A edil lembrou que "o ano pasado quixemos destacar a importancia da literatura durante o confinamento cunha iniciativa na que recompilamos as obras preferidas da veciñanza", e explicou que "este ano, queremos que toda a veciñanza de Lugo coñeza o fondo literario co que contamos no Concello, facilitando que todas as persoas teñan a posibilidade de ter un libro ao seu carón".

O DÍA DO LIBRO NA PRAZA

Pola súa parte, a Asociación de Praceiros Mercado Praza de Lugo conmemorou este ano o 23 de abril con varias actividades.

A primeira hora da mañá as redes do mercado estrearon unha pequena peza audiovisual na que varios praceiros leen parágrafos de libros, todos eles coñecidas obras de sona internacional, nos que os alimentos que podemos atopar a diario nos seus postos son os grandes protagonistas.

Deste xeito a Asociación de Praceiros rende homenaxe á presenza dos mercados e dos seus produtos na literatura universal.
  
E, para completar a xornada, o asociación repartiu unha ducia de libros, destinados a ser atopados por outros tantos clientes con bo ollo e moita sorte, nun pequeno xogo das agachadas literario.