O PP sinala "máis coincidencias sospeitosas" na selección de veterinarios da granxa da Deputación

Os populares, que seguen "investigando", consideran moi chamativo que o goberno provincial autorizase "dúas prórrogas da xubilación do director, un socialista que foi alcalde e hoxe é concelleiro en Triacastela, e que formou parte do tribunal"
Óscar Poy, Javier Castiñeira, José Antonio García PPdeLUGO
photo_camera Óscar Poy, Javier Castiñeira, José Antonio García. PPdeLUGO

O goberno da Deputación Provincial (PSOE-BNG) recoñece, no comunicado no que pretendeu replicar á denuncia pública efectuada polo grupo popular sobre a falta de transparencia e de ética no proceso de selección de veterinarios para a granxa Gayoso Castro, que todo canto di o grupo provincial do PP en relación con este asunto é certo. 

O grupo provincial do Partido Popular segue "investigando" a falta de "transparencia e de ética" no proceso de selección de veterinarios para a granxa Gayoso Castro, na liña da denuncia pública que fixo o luns sobre o goberno da Deputación Provincial. En palabras do seu portavoz, Javier Castiñeira, "cantos máis papeis vemos máis coincidencias sospeitosas atopamos". Nunha nota, Castiñeira sinala que "nesta investigación da lista provisional para veterinarios, na que quedou en primeiro lugar a ex deputada Sonia Verdes e como segundo o ex concelleiro de Medio Ambiente de Lugo, José Daniel Piñeiro, hai un aspecto moi chamativo: as dúas prórrogas que autorizou o goberno bipartito da xubilación do director da Granxa Gayoso Castro (concelleiro en Triacastela), coincidente con este proceso selectivo". Os populares lembran que en 2019 tamén tiveron que "denunciar a entrada na Deputación dunha ex concelleira socialista que fora man dereita do alcalde socialista Orozco e deputada provincial con Gómez Besteiro". 

Os populares recordan que o actual director da granxa, Miguel Ángel Fernández, que foi alcalde socialista en Triacastela e é concelleiro nese municipio, participou no tribunal do proceso de selección no que saíron nos primeiros postos os seus compañeiros socialistas Sonia Verdes e Daniel Piñeiro. Consideran que non é ético que participe un cargo público no tribunal.

Todo apunta, di o portavoz popular, a que algún destes ex cargos socialistas poidan, agora que están de primeiros, "substituír ao señor Fernández na dirección da granxa", o que sería, realmente, "un caso de, non sei moi ben como dicilo, quizá como unha práctica de recría de cargos". Insiste en que este asunto dana a imaxe da Deputación polas formas e a opacidade.


 

Comentarios