O PP recupera 31 mesas na capital e consolídase no centro e a zona rural

O PSOE perde 2.600 votos e o 31% das súas mesas, incluídas algunhas en barrios de tradición obreira como A Residencia ou A Milagrosa. Vox, que en abril foi a terceira forza máis votada en só dúas mesas, esta vez conseguiu ese posto en 24, Podemos en 88 e o BNG en 10
Mesa electoral del edificio de sindicatos en Lugo. SEBAS SENANDE
photo_camera Mesa electoral do edificio de sindicatos en Lugo. SEBAS SENANDE

O PP gañou na cidade de Lugo, nas eleccións do domingo e con respecto ás do pasado mes de abril, 2.181 votos repartidísimos, que lle permitiron ser a forza máis votada en 53 mesas electorais da capital, fronte ás 22 da anterior convocatoria electoral. Segue sendo azul o centro histórico da cidade e a zona rural, como é habitual, pero é que, ademais, os populares engaden novas mesas en ambas as zonas e fanse con algunhas noutros barrios de menos tradición popular.

Consulta aquí os resultados da cidade de Lugo mesa a mesa 

En moitos casos a diferenza de voto co PSOE non é moi grande, pero si suficiente para inclinar a balanza ao seu favor nesta ocasión. Por exemplo, así ocorre coa mesa Politécnico ou do Lucus Augusti; as dúas do Seminario, a situada no servizo de recadación do Concello ou as dúas de sindicatos.

Ramón Carballo (PP): "Melloramos pero queda moito por facer porque a división de voto segue penalizándonos"

Os socialistas pasaron de contar con 100 mesas onde eran os máis votados a 69, unha baixada dun 31% na que perderon apoios en barrios de tradición obreira, agora en mans do PP. Deuse esa circunstancia nas mesas do Maruja Mallo, en Galegos, en Paradai, nunha do Divino Mestre e nas dúas do barrio da Ponte, en ambas de Salesianos (colexio situado no corazón da Milagrosa) ou as dúas da unidade de Saúde Mental, na Residencia. Igualmente unha das do Castiñeiro tamén pasou agora a mans do PP, ademais de reflectir un crecemento do voto de Vox e un descenso do de Podemos.

Na zona rural, os socialistas perderon a mesa da Camoira, e nesa, como ocorre en case todas as das parroquias, a consolidación da dereita non é só evidente pola vitoria popular senón porque a terceira forza máis votada é, indefectiblemente, Vox.

Lara Méndez (PSOE): "A baixa participación afecta á esquerda porque a dereita retroaliméntase a si mesma"

O crecemento do partido de ultradereita é evidente. En abril, logrou ser votado como terceira forza en só dúas mesas da capital (na do Ceao e Bocamaos). Sete meses máis tarde, logrou ese posto en 25. Gana menos de mil votos, pero si parece situarse, fundamentalmente nas zonas de supremacía popular. De novo, volve superar en número de papeletas ao BNG, que nesta volta electoral é a terceira forza en dez mesas. O feito de que suba case dous mil votos nótase niso. Poida que dez mesas non parezan demasiadas, pero o certo é que en abril deste ano os nacionalistas non foron a terceira forza con máis papeletas en ningunha das da capital.

Pola súa banda, Unidas Podemos é o terceiro partido para 88 mesas de Lugo. a inmensa maioría.

Os datos da terceira forza son difíciles de analizar porque se trata dun posto volátil e, que a miúdo se decide, por un voto ou dous. Por exemplo, así ocorre nunha das mesas da delegación de Facenda, onde Podemos quedou terceiro con 31 papeletas, fronte ás 30 obtidas por Vox ou BNG.

Rubén Arroxo (BNG): "O pobo galego terá voz no Congreso e a ultradereita non consegue entrar en Galiza"

O desastre de Ciudadanos a nivel nacional tivo un fiel reflexo na capital lucense. En abril, a formación laranxa logrou ser o terceiro partido con máis votos en 66 mesas. Nesta ocasión, non conseguiu tal cousa en ningunha. Pasou de 7.286 votos a 2.122 e non está do todo claro onde foron eses 5.000 votos que perdeu pero todo apunta a que preto de mil son os que incrementou Vox e, dos restantes, non se beneficiou ningún partido, senón a abstención. Case 6.000 lucenses que si votaran en abril non pasaron esta vez polo colexio electoral e todos os partidos, salvo Vox e BNG, parecen contribuír cos seus votantes a esa cifra, aínda que ningún tanto como Ciudadanos, evidentemente. Os votos nulos e en branco baixaron.

¿E o Senado?
A mesa de Lugo na que recibiron máis apoio os tres senadores populares electos foi a do Pazo dos Deportes. No caso dos socialistas, tratouse da das Mercedes; e no dos nacionalistas, na B de Veterinaria. O candidato de Vox obtivo o seu mellor resultado nunha mesa de Albeiros. Queda claro, a tenor dos resultados, que sempre hai votantes que elixen representantes de listas diferentes.

Comentarios